Prosegue o programa Boirenses Viaxeiros cunha saída a Lugo


O Concello de Boiro informou dunha nova actividade ao abeiro do programa Boirenses Viaxeiros, impulsado dende o departamento de Servizos Sociais coa finalidade de colaborar con entidades do municipio que realizan saídas para a terceira idade.

O concelleiro de Servizos Sociais, Raul Treus, acompañou este xoves na súa saída de Boiro ás persoas que viaxaron a Lugo con Cruz Vermella.

Despois do éxito da primeira saída a Santiago de Compostela, arredor de 80 persoas viaxaban este xoves á cidade da Muralla para asistir á primeira xornada de actividades do Arde Lucus e realizar unha visita guiada pola localidade e un museo.

O concelleiro agradeceu a implicación de Cruz Vermella e de todos os participantes para seguir levando a cabo este tipo de actividades. “Seguimos apoiando e promovendo actividades para os nosos maiores e desenvolvendo actividades para o seu desfrute e mellora física e cognitiva”, afirmou o edil.

Esta é a segunda saída que se realiza no marco do programa Boirenses Viaxeiros pero xa está prevista unha saída a Ponteareas organizada pola Asociación de Xubilados de Lampón. Calquera persoa en participar nestas viaxes ou nas demais actividades que levan a cabo as entidades locais pode pedir información nos Servizos Sociais municipais.