Presentada a XVI convocatoria do Premio Narrativa Breve Repsol

23 Xuño 2022

A Fundación Repsol e a Secretaría Xeral de Política Lingüística presentaron este mércores 22 de xuño a XVI convocatoria do Premio Narrativa Breve Repsol en lingua galega.

No acto participou o secretario xeral Valentín García, que definiu esta edición como “unha vía de promoción para que escritores e escritoras en galego poidan seguir creando e amosando o seu talento na nosa lingua, achegándose a todos os lectores e lectoras” sendo, pois, “un certame xa consolidado desde fai anos e de referencia no panorama das letras galegas”.

Mercedes Gómez Badiola, xerente da Área Institucional de Fundación Repsol, e Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia, tamén interviron para anunciar o lanzamento desta XVI edición do premio tras a renovación do convenio de colaboración que manteñen desde o ano 2006.

Neste encontro, que tivo lugar na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, fíxose tamén entrega de 21 exemplares dunha das edicións galardoados ao director da biblioteca, Jesús Torres. O obxectivo é que pasen a formar parte do catálogo do Club de Lectura de Galicia, xestionado pola Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, para “que poidan desfrutar da lectura e calidade das obras premiadas ao longo das edicións, así como do talento dos seus autores que son os verdadeiros artífices do galardón”.

Características da XVI edición

A dotación económica do premio ascende a 12.000 euros e inclúe a publicación da novela curta por parte da Editorial Galaxia. As obras poderán enviarse ata o próximo 31 de xullo. Os textos deberán ser orixinais e escritos en galego, conforme á normativa establecida pola Real Academia Galega, cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120. Unha vez pechado o prazo, un xurado decidirá a obra gañadora que se dará a coñecer no mes de setembro. Estará conformado por cinco membros, que representarán á Fundación Repsol, á Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, á Real Academia Galega, á Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e á Editorial Galaxia. As bases desta última convocatoria están dispoñibles nas webs fundacionrepsol.com e acoruna.repsol.es.

Contando historias desde 2006

O Premio Narrativa Breve foi creado no ano 2006 polo Complexo industrial de Repsol da Coruña e vertebrado de forma conxunta coa Xunta de Galicia para fomentar a cultura e a lingua galega. No 2010, Fundación Repsol toma a substitución no impulso do certame, que, desde o seu inicio, conta co apoio da Real Academia Galega e da Asociación de Escritoras i Escritores en Lingua Galega, e a estreita colaboración da Editorial Galaxia, que editou as anteriores obras gañadoras.

Na primeira edición, en 2006, o xornalista Miguel Sande conseguiu este galardón pola súa obra Se algún día esta muller morta e Xavier Lama, profesor da USC e xornalista, conseguiu un accésit por O insomnio dos centauros. A gañadora da segunda edición foi Así nacen as baleas, da escritora Anxos Sumai, e na terceira o narrador, dramaturgo e debuxante humorístico Xosé Luís Martínez Pereiro obtivo o galardón por A verdade como mal menor.

Na edición 2010 o premio foi para o escritor Xurxo Sierra por Os Fios. Microbios e outros paquidermos de Fernando Díaz-Castroverde gañou a edición de 2011. En 2012, o galardón foi para A forma dás nubes, de María López Sandez; mentres que no 2013 a novela curta gañadora foi O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila.

No 2014 Santiago Lopo conseguiu o premio con A Diagonal dos Tolos e no 2015 a novela galardoada foi Fontán do vigués, Marcos Calveiro. Daniel Asorey converteuse no gañador en 2016 con Nordés. O xornalista, escritor e profesor Xosé A. Neira Cruz obtivo o galardón por O sono das sereas no 2017 e o monfortino Antón Lopo gañou no 2018 pola súa obra Extraordinario.

Nas edicións de 2019 e 2020 foron galardoados dous novos escritores galegos: o rianxeiro Gonzalo Hermo pola súa obra Diario dun enterro e Berta Dávila converteuse por segunda vez en gañadora deste galardón coa súa novela breve Illa Decepción. O ano pasado, a novela Eternity do escritor Xosé Monteagudo foi a obra elixida polo xurado para obter o premio da última edición. O certame conta desde o seu nacemento coa participación de máis de 450 obras orixinais de escritores galegos.

Outros artigos

Falece un ciclista tras sufrir unha caída nunha pista forestal en Cee

A vítima formaba parte dun grupo de sete persoas que percorría en bicicleta o Camiño a Fisterra Un ciclista perdeu a vida esta tarde no concello coruñés de Cee tras precipitarse da súa bicicleta mentres realizaba o Camiño de Santiago en dirección a Fisterra xunto a un...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.