Premiados os máis pequenos do CEIP de Abanqueiro de Boiro pola súa actividade artística dentro do Certame Cooperativismo no Ensino

A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, visitou esta mañá o CEIP de Abanqueiro de Boiro (A Coruña) para coñecer unha das iniciativas galardoadas no Certame Cooperativismo no Ensino: Escultura Narrativa. Este proxecto foi merecedor do accésit para actividades artísticas na categoría de Educación Infantil deste certame que impulsa a Administración autonómica para promover entre o alumnado galego os principios do cooperativismo.

A proposta presentada por este centro boirense recibirá 1500 € pola escultura que realizou o alumnado máis pequeno do colexio para celebrar o día do planeta, o 22 de abril. Os nenos e nenas traballaron de xeito cooperativo para levar realizar estas construcións que seguían un fío narrativo e contaban unha historia, compoñendo un libro-escultura.

O certame, organizado pola Xunta, ten como obxectivo difundir e promover os valores do cooperativismo en todas as idades. Por iso, durante a actividade artística, o alumnado traballou seguindo os principios de solidariedade, o espírito democrático, a participación, a actuación colectiva e a solución de conflitos de forma pactada.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destina 28.000 € ao Certame de Cooperativismo no Ensino para difundir entre o alumnado de todas as idades unha cultura emprendedora e con beneficios no resto da comunidade, como é o cooperativismo. O resto de galardóns do certame, promovido pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, recaeron en cinco centros da provincia de Pontevedra: en Redondela, O Porriño, Cangas, Vigo e Vila de Cruces; ademais de centros en A Coruña e Barreiros (Lugo).