
O alcalde do Concello de Outes, Manuel González, a tenente de alcalde, Alba Quintela, Amaro Bravo, da asociación Terras de Outes e Mónica Mejías da empresa Correveydile, presentaron esta mañá o programa de actividades da 1ª edición da iniciativa que se celebrará na Ribeira do Freixo dende o venres 1 ata o domingo 3 de xullo.
A Feira Náutica do Freixo, en Outes, é un evento que busca potenciar e visibilizar a actividade empresarial da zona vinculada ao mar, poñendo en valor a súa esencia e identidade marítima, así como a súa pegada a nivel económico e cultural.
O programa de actividades inclúe a presencia de empresas náuticas da Ría de Muros e Noia a través dunha feira sectorial e rutas divulgativas para coñecer o pasado do Freixo ligado á importancia do seu porto e á eclosión e continuidade da carpintaría de ribeira, declarada ben de interese cultural no ano 2019.
Outras das accións divulgativas que se están a organizar de cara ao evento son unha mostra de embarcacións tradicionais en terra e a flote con demostracións de navegación e manobras, unha mostra de elaboración de maquetas de embarcacións tradicionais en 3D, un obradoiro de carpintaría de ribeira en colaboración con CULTURMAR, AGALCARI e Terra de Outes, así como charlas, unha mostra fotográfica e unha exhibición das accións levadas a cabo por proxectos e actividades ambientais.
A parte lúdica da Feira Náutica do Freixo contará co grupo De Vacas como cabeza de cartel e acollerá tamén as actuacións da Ukestra do Medio, A Tajea, Xurxo Souto, Garandoiro e os picadiscos DJ Reich, DJ Daasanach e Umsinzero.
Haberá ademais saídas en kayak e travesías marítimas a bordo do barco histórico Joaquín Vieta para as cales se poderá reservar praza gratuitamente a través de www.entradium.com, unha carpa gastronómica coa presencia de catro establecementos de hostalería da zona, unha degustación gastronómica de balde e unha demostración das actividades de marisqueo e lonxa a cargo da Confraría de Noia.




