O Festival de Cinema Escolar Olloboi reivindica a “ilusión do cinema” na súa nova edición, o 10 de xuño en Boiro

03 Xuño 2022

O vindeiro 10 de xuño o novo audiovisual galego (novo en todos os sentidos do termo) toma a palabra na nosa comarca. Farao a través da edición 2022 do Festival de Cinema Escolar Olloboi, con sede en Boiro. Este xoves 2 de xuño presentouse o programa da nova convocatoria, unha cita na que o Concello confirmou a súa colaboración. O obxectivo deste ano é “recuperar o espírito da creación, propoñendo o cambio das máscaras da pandemia ás do xogo e ilusión do cine”. Á presentación, que tivo lugar nos Asteleiros Triñanes, asistiron a concelleira de Cultura, María Outeiral; o cineasta e padriño do festival, Eloy Domínguez; e Ana Moreiras xunto con outros integrantes de Olloboi.

Segundo confirmaron respecto do programa deste ano, se ben a participación foi semellante á de edicións pasadas, o número de centros baixou, o “que constata”, sinalaron, “a dificultade de volver á normalidade nos traballos extraescolares, nos clubs de cine e nas propostas interdisciplinares”. Sexa como sexa, a organización do certame valora, e moito, o esforzos das creadoras e creadores: “O mérito destes traballos que se presentaron é dobre e a escolla foi difícil. O noso obxectivo é recoñecelos dun xeito integral, máis alá das categorías, os valores de cada traballo son singulares”.

A concelleira Maria Outeiral sinalou que “para o Concello é importantísimo apoiar iniciativas como esta que aposta pola cultura e sobre todo polo traballo cos rapaces e rapazas, polo que é para nós un orgullo que Olloboi se leve a cabo ano tras ano en Boiro”.

Pola súa banda, o cineasta Eloy Domínguez (padriño do festival) agradeceu á organización polo traballo despregado “ao longo destas 12 edicións” e recoñeceu a importancia destas actividades “que dan aos rapaces e rapazas unha oportunidade de familiarizarse co cine”.

Axenda de premios

Nesta edición, ademais dos trofeos para as categorías xerais, haberá 5 premios diferenciados: Olloboi Peque, que leva un concerto para o seu centro; Olloboi Muchachada, que obtén un obradoiro audiovisual de 4h; Olloboi +18, que permite asistir a unha rodaxe profesional; Olloboi Zamburrioi, que facilita a asistencia ao festival Foco de Fuenteovejuna; e Ollocoles, premio a unha experiencia educativa ecosocial contada con mirada, que leva un lote de libros de Aira Editorial.

Os gañadores en cada categoría serán escollidos polo xurado de Cineastas Cómplices 2022 e que está composto por Ángeles Huerta (realizadora), Rosalía Fernández Rial (poeta e actriz), Cris de la Torre (realizadora e docente), Sabela Hermida (actriz e produtora), Andrés Goteira (realizador), Suso López (produtor), Cris Iglesias (actriz e bailarina), Alba Domínguez (realizadora), Alfonso Zarauza (director), Leticia Blanco (posprodutora), Gon Caride (realizador), Laura Doval (produtora), Felipe Lage (produtor), Alba Gallego (realizadora), Sandra Sánchez (directora e montadora), Xulio Abonjo (actor), Gaspar Broullón (realizador e produtor), Juan Lesta (realizador), Loli Iglesias (montadora), Diego Anido (actor), Adrián Canoura (realizador), Aldara Pagán (realizadora e programadora), Dani Viqueira (realizador) e Ricardo de Barreiro (actor).

Programa de actividades

10.30 – 11.00h: recepción dos centros e presentación na Abadía de San Enrique.

12.00 – 14.30h: muchachada polas parroquias de Boiro.

15.00h: concerto con Blues do país e xantar na praia de Barraña.

16.30h: tempo libre.

18.00 – 20.00h: show Peter Punk na explanada do Parque da Cachada e cineforum con Eloy Domínguez na Casa da Cultura.

20.30 – 23.00h: entrega de premios, foliada e cea na Abadía de San Enrique.

1.00h: concerto de fin de festa con Los Jinetes del Trópico na Pousada.

Premios Olloboi

• Interpretación

• Videoclip

• Imaxe

• Guión

• Animación

• #OlloboiRedes

• Videocreación

• Premios especiais: Ollo escolas, Plus 18, peque, muchachada, zamburrioi

Outros artigos

Boiro pecha de maneira preventiva a captación de auga de Cubelo

O Concello de Boiro tivo que cortar a captación de auga da zona de Cubelo ante a aparición dunha vaca morta nas inmediacións dun pequeno río que presta subministración á rede do municipio. Ao respecto o concello fixo pública esta tarde unha nota na que que indica que...

+

Barbanza Arousa recibe as primeiras adhesións ao SICTED

A Mancomunidade Barbanza Arousa, en consonancia coa súa estratexia de colaboración público-privada, continúa este ano coa implantación do Sistema Integral de Calidade Turística en Destino, SICTED, entre os axentes turísticos do territorio. Nesta ocasión, a primeira...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

No son los ojos, son las miradas”. Manuel Dominguez

No son los ojos, son las miradas”. Manuel Dominguez

Pensamos, pensé, en la belleza de los ojos, hasta que un día cerca de casa, una pared me decía, ¡No, no son los ojos, son las miradas! Pensando en ello, cuánta razón, no son los ojos son las miradas, podemos ver en la película Los puentes de Madison, interpretada por...