O Día do Orgullo LGTBI en Ribeira inclúe un concerto de homenaxe a Queen en un pregón da escritora Mercedes Barreiro

Ribeira vai organizar ao grande o Día do Orgullo LGTBI. A axenda de actividades foi dada a coñecer pola concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Ana Barreiro, acompañada da directora do CIM local, Dolores Crujeiras. O programa conmemorativo inclúe, entre outras actividades estrela, un concerto de tributo a Queen, unha Festa Holi, un Xardín LBTBI e un pregón a cargo de Mercedes Barreiro.

A edil explicou que o programa principiará o martes 28 de xuño cun acto institucional no salón de plenos á unha da tarde con pregón a cargo da escritora Mercedes Barreiro. Ao acto asistirán os representantes de diferentes representacións do municipio e incluirá a lectura de manifestos e diversas pezas musicais de man de alumnado do conservatorio.

Xa na fin de semana, o venres 1 de xullo ás sete da tarde no Paseo do Malecón haberá unha Holi Party para todos os públicos na que terán cabida todas as cores da bandeira LGTBI. A organización recomenda acudir de branco para que se poida mesturar todo este colorido nas vestimentas. A sesión contará coa actuación de dous disc jockeys locais: Carlos DJ e Dani DJ.

Segundo dixeron un dos momentos estelares da programación será o sábado 2 de xullo a partir das once e media da noite, coa actuación no Malecón de Remember Queen, que recala na cidade no marco da súa xira europea, sendo unha das máis prestixiosas bandas tributo que existen do grupo liderado polo mítico Freddie Mercury.

Ademais, está previsto a lectura dunha declaración institucional durante o pleno ordinario previsto para o vindeiro luns 27 de xuño.

Por outra parte, a concelleira informou de que no mes de xullo se estreará na praza da Heroínas de Sálvora un xardín LGTBI con flores representando cada unha das cores da bandeira deste colectivo.