O Concello de Dodro acorda dar o nome de “Moncho Reboiras” á estrada principal do concello, en Imo

No pleno deste 9 de xuño a Corporación municipal de Dodro acordou poñer o nome de “Moncho Reboiras” a estrada principal do concello, a AC-305, no treito correspondente á parroquia de Imo, lugar natal do histórico galeguista, dirixente político da UPG, e onde repousan os seus restos mortais.

A iniciativa nace do BNG local, que fai parte do Goberno municipal, e foi defendida no pleno polo portavoz da organización nacionalista, Xoán Bautista Mariño, que foi tamén o encargado de elaborar a memoria como instrutor do expediente municipal de honras que sustentou esta proposta.

O recoñecemento á figura de Reboiras por parte dos representantes públicos do seu concello de nacemento é motivo de satisfacción para a Unión do Pobo Galego, que, segundo explica a agrupación, representa “un chanzo máis na restitución da súa memoria e do que representa como figura senlleira na construción dun movemento popular nacional galego de liberación, nun momento histórico de loita contra a ditadura franquista e exemplo paradigmático da represión e o terror fascista e do compromiso heroico coas clases populares e a causa nacional galega”.

A UPG felicitouse pola homenaxe “ao camarada Moncho Reboiras” e agradeceu ao Concello de Dodro esta iniciativa, cun recoñecemento especial ao BNG de Dodro e “ao traballo que está a desenvolver durante todos estes anos para manter viva a súa memoria no seu concello de nacemento”.



O pleno contou coa presenza de familiares, amigos e coñecidos de Reboiras, amais de militantes da agrupación.

O informe defendido no pleno sinalou, entre outros méritos, a firme conciencia social do homenaxeado, coñecedor da “opresión nacional” e “máis do asoballamento ao seu pobo, do baixo nivel de vida do agro, da sobre-explotación ou do conflito lingüístico…”. Tamén foi destacada a súa participación en incipientes movementos culturais, sindicais e políticos no ambiente nacionalista galego, xermes de sindicatos como a actual CIG e o BNG. Igualmente houbo palabras para rememorar o seu tráxico falecemento, cando foi sitiado por 300 membros da BPS franquista e despois de salvar a Elvira Souto e Lois Ríos é asasinado en Ferrol polas costas.

O voceiro do PSOE Ramón Abuín sinalou a súa importancia como sindicalista. Tamén Xoán Xosé Vicente, de Unidade Veciñal, recoñeceu “a importancia para a cultura e política galega do veciño de Imo, fillo de José e Generosa”.

Pola súa banda, Xoán Bautista Mariño agradeceu o traballo dos voceiros que apoiaron a iniciativa así como á familia e institucións herdeiras do legado nacionalista galego.

Pechou o alcalde Xabier Castro replicándolle ao PP por “non apoiar o cambio de nome de rúa”.

O resultado da votación foi 6 votos a favor e 4 asistentes do PP en contra.