O Concello de Boiro colabora coa Asociación Boirense de Empresarios (ABE) na celebración dunha nova edición da Noite Aberta do comercio local que se celebra este sábado 18 de xuño. Na presentación, celebrada este mércores 15 de xuño na sede da patronal, participaron o concelleiro de Comercio, Marcos Fajardo, e o presidente da ABE, Daniel García.

Segundo fixeron saber, participan nesta edición un total de 29 establecementos comerciais e 20 de hostalería, que estarán sinalizados con bandeiras rosas realizadas para a ocasión. Os comercios farán importantes descontos durante toda xornada así como actividades especiais, degustacións, sorteos de vales de compra, agasallos, premios… Ademais o Concello de Boiro, a través do departamento de Cultura, programa actividades e espectáculos durante todo o día.
A patronal e o Concello engadiron tamén que os clientes que realicen as súas compras durante a xornada do sábado “terán a posibilidade de acadar premios directos coa ruleta da sorte da ABE, que estará situada na rúa Santos Mieites dende as 18.00 a ata as 21.00 horas”. Cada compra superior a 10 euros dará dereito a participar nunha tirada na ruleta, na que se poderán gañar agasallos directos como cuncas, bolsas, xoguetes ou vales de compra.
Programación cultural
• Espectáculo: Parque Xurásico
Horario pase 1: 12.00 a 12.30 horas
Horario pase 2: 13.00 a 13.30 horas
• Espectáculo: Oestraño caso do dentista da rúa Brasov
Pase único: 18.00 a 19.10 horas
• Espectáculo: Bosque Vivente
Horario pase 1: 20.00 a 20.45 horas
Horario pase 2: 21.30 a 22.15 horas