O BNG de Boiro pedirá en pleno solucións para os problemas do transporte público

O BNG de Boiro vén de presentar unha moción para ser debatida en pleno da Corporación relativa aos problemas actuais polos que está a presentar o transporte público na comarca, uns problemas que en palabras da agrupación contrastan coas expectativas do Plan de Transporte de Viaxeiros por Estrada establecido pola Xunta, que ía supoñer a mellora do transporte público por estrada e contaba cun investimento de 9,3 millóns de euros ao ano (incrementando nun 40% a cifra de rutas e nun 70% o de paradas) e que demostran, segundo fai saber a voceira do BNG, Raquel Suárez Regades, “que os membros do Partido Popular non son usuarios do transporte público”.

Para o grupo, “lonxe de termos un transporte público de calidade, a situación está sendo moi problemática desde que comezou a funcionar a nova concesionaria”. Así, indican, a liña XG-847 correspondente á comarca da Barbanza, “púxose en marcha de maneira atropelada e sen coordinación provocando un caos no comezo da nova empresa que presta os servizos de transporte público na devandita bisbarra”. Os problemas, engaden, “estanse a incrementar de maneira alarmante sen que os responsábeis da Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade fagan nada por remedialo”.

O BNG critica que “nesta concesión os usuarios e usuarias do transporte público encontráronse co servizo totalmente cambiado por mor das novas condicións e horarios, e se antes o servizo era urbano, agora temos un servizo compartido polo que, nas horas escolares, os nenos e nenas que se dirixen aos centros escolares ou para a casa de volta, poden ir con outras persoas usuarias no mesmo autobús, o que non sería un problema se os autocares non se ocupasen na súa totalidade provocando, na práctica, que as persoas que desexan coller o autobús non poidan facelo”.

Segundo indica o BNG de Boiro, “hai persoas que acoden a centros educativos para realizar formación en horario de tarde-noite que non poden regresar ás súas vivendas en autobús porque cando remata a xornada lectiva xa non hai frecuencias”. O grupo nacionalista lembra que “un exemplo disto” é o que acontece no IES Nº1 de Ribeira, que “non dispón de ningún transporte público cara á Pobra, ao rematar o horario das aulas, obrigando a que os recollan as súas familias ou a pagar un transporte privado”. Isto, din, tamén é aplicábel ao alumnado de Boiro que cursa ciclos formativos no IES de Rianxo, que “non ten buses que cadren co horario de entrada e saída das aulas”.

O BNG tamén recoñece ter recibido queixas das persoas usuarias e do propio persoal da empresa de transporte respecto dos horarios fixados, que non se respectan “porque o tempo estipulado para facer o servizo é totalmente insuficiente”. Para a agrupación, “mención aparte merece a conexión de calquera dos concellos da comarca con Santiago de Compostela”, que sofre de “falta de puntualidade, poucos servizos en xeral e escasísimos servizos directos son as súas características”. O BNG recorda que existe un importante número de persoas que traballan en Santiago e viven na comarca da Barbanza e que rematan a súa xornada laboral ás 15:00 horas. “Neste caso”, indican, “vense obrigadas a tomar un autobús urbano ata a estación intermodal onde o autobús que viaxa cara a Ribeira sae ás 15.20 horas. É practicamente imposíbel collelo e, polo tanto, é obrigado ter que agardar polo seguinte”.

Esta situación agrávese os sábados, cando non existen autobuses directos Ribeira-Santiago, cando si os había coa anterior concesionaria. “A viaxe non directa dura case dúas horas, de maneira que o autobús que sae de Ribeira ás 8:00 da mañá chega a Santiago ás 10:00 horas, con retraso pois para calquera traballo que comece ás 9:00 horas”, salienta a agrupación.

Respecto da situación laboral do cadro de traballadores e traballadoras da empresa concesionaria, Monbus, o BNG sinala que “é completamente precaria por diversos motivos, entre os que se inclúen os seguintes: non se cobren as baixas nin as vacacións dos condutores e condutoras polo que este traballo teñen que realizalo outros compañeiros e compañeiras en activo facendo máis horas das que lle corresponden, decrétanse xornadas de traballo partidas sen motivos aparentes ou nin se lles deixa tempo durante o tempo de traballo para ir ao baño”.

No que se refire á Tarxeta Xente Nova posta en marcha pola Xunta para permitir á mocidade viaxar gratis, o BNG critica que “haxa que realizar o pagamento por adiantado e voltar ao mes seguinte a un caixeiro para recuperar os cartos das viaxes realizadas”. Este sistema, din, “dificulta a recuperación dos cartos e por riba fomenta a colaboración cunha entidade bancaria que cada vez conta con menos persoal e con menos oficinas de atención ao público”.

Por todos estes motivos, o BNG, propón ao pleno da Corporación municipal a adopción dos seguintes

1. “Instar á Xunta para que esixa da empresa concesionaria do transporte público a mellorar a información dos horarios en todas as marquesiñas e paradas do municipio”.

2. “Instar á Xunta a que traslade a Monbus, como concesionaria do servizo de transporte público, todos os problemas mencionados e esixirlle cumprir cos horarios e coas condicións do contrato, garantir a atención ao público de maneira presencial e resolver todos os problemas que se lle trasladen desde o Concello”.

3. “Instar ao Goberno galego a que adopte as medidas oportunas para que nas paradas do autobús se instalen pantallas con conexión GPS ou outro dispositivo, que permita ás persoas usuarias ter información de cando chegará o autobús”.

4. “Instar á Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade a estudar os problemas que se están a rexistrar no transporte público, adoptar todas as medidas oportunas que garantan o cumprimento das condicións do contrato e, de ser o caso, interpoñer as sancións oportunas por incumprimento as devanditas condicións”.