O 25 de xuño celébrase a primeira entrega do Torneo de Taekwondo Vila do Son

A axenda deportiva de Porto do Son para esta primavera-verán é unha axenda de grandes acontecementos. Entre os máis destacados figura sen dúbida a primeira edición do Torneo de Taekwondo Vila do Son, que se celebra o vindeiro 25 de xuño. O campionato foi dado a coñecer polo concelleiro de Deportes Juan Pouso, acompañado de Pablo Carou, Esperanza Meilán e Osiris Romay, representantes da Federación Galega de Taekwondo, que destacaron que a previsión é que se xunten na vila 400 deportistas chegados de todos os recantos da xeografía galega, pertencentes ás categorías infantil, pre-cadete, cadete e xuvenil. Tamén salientaron o feito de que sexa un acontecemento gratuíto, co obxectivo de acadar a máxima participación do deporte base e garantir unha importante afluencia de deportistas.

O centro de actividades será o Pavillón de Santa Irene. As inscricións para os clubs xa están abertas na web da Federación Galega de Taekwondo.

Segundo se destacou na presentación que a constitución deste torneo non é casual nin improvisada, xa que o concello conta con tres centros de formación centrados nesta disciplina deportiva, que dan acubillo e soporte a máis de 150 deportistas locais, polo que está claro que estamos ante un referente local neste deporte (e máis se temos en conta que das oito bolsas nominativas que concede o Concello, sete son para taekwondistas).