Este sábado 18 os establecementos de Boiro celebran unha edición especial da súa Noite Aberta

A ABE (Asociación Boirense de Empresarios), colaboración do Concello, volve organizar unha edición especial da Noite Aberta, este sábado 18 de xuño, unha celebración do comercio local na que os ingredientes básicos serán os descontos, sorteos, agasallos e actividades na rúa con elementos como unha ruleta da sorte, un palomiteiro e animación itinerante.

Os comercios ofrecerán importantes descontos durante toda a xornada e realizarán actividades especiais como degustacións, sorteos de vales de compra, reparto de agasallos, premios directos con compras, actuacións de grupos musicais, etc…

Até 29 establecementos comerciais e 20 de hostalería participarán nesta iniciativa e estarán sinalizados cunhas bandeiras rosas elaboradas para a ocasión.

Os clientes que realicen as súas compras durante a xornada do sábado terán a posibilidade de acadar premios directos coa ruleta da sorte da ABE. A ruleta estará situada na rúa Santos Mieites dende as 18:00 e ata as 21:00 horas e cada tícket de compra superior a 10 € (ou acumulando varios por este importe) dará dereito a realizar unha tirada coa que os clientes poderán gañar agasallos directos como cuncas, bolsas de algodón orgánico, flocos de millo (palomitas), xoguetes ou vales de compra de 5€.

Só serán válidos os tíckets do sábado 18 de xuño dos establecementos participantes nesta edición da Noite Aberta.

Como novidade na ruleta inclúense 500 € en bonos ABE, son 100 bonos de 5€ dos cales a metade son para consumir esa mesma noite en calquera dos locais hostaleiros asociados á ABE. A outra metade serán para utilizar, sen caducidade, nos comercios participantes.

Ademais, a ABE instalará un carriño de flocos na rúa peonil Santos Mieites ao carón da ruleta, e os comercios participantes entregarán xunto coas compras vales para poder degustalas.

O Concello programará actividades de animación itinerante por todas as rúas comerciais da vila, entre as que se inclúe o espectáculo Parque Xurásico (cun primeiro pase ás 12 e outro ás 13 horas), a función O estraño caso do dentista da rúa Brasov (ás 18.00 horas) ou o espectáculo Bosque Vivinte (ás 20 horas e ás 21.30 horas).

A Noite Aberta de Boiro conta coa colaboración do Concello de Boiro e está co-financiada pola Xunta de Galicia.