Deloa, Noia, O Son e Outes fan un chamamento á mocidade para participar na súa Residencia Artística Xuvenil

30 Xuño 2022

Este martes 28 de xuño celebrouse no Pazo de Goiáns (Boiro) a asemblea da Asociación Deloa, entidade galega para o desenvolvemento dos territorios rurais con importante presenza (e actividade) na nosa comarca, dende a súa sede principal da Escravitude, Padrón. Na xuntanza formalizáronse varios acordos relevantes, por exemplo o relativo á colaboración entre os GDR Ribeira Sacra – Courel ASDECOMOR, a Asociación Deloa e a Fundación Paideia Galiza para impulsar unha acción formativa sobre emprendemento cultural e artístico no rural. Tamén foi formalizado un convenio cos Concellos de Noia, Outes e Porto do Son para o desenvolvemento da Residencia Artística Xuvenil cuxos detalles avanzamos os días pasados dende O Barbanza. Participaron representantes dos ditos Concellos da nosa contorna. Ao rematar a asemblea participaron nunha visita polo histórico edificio boirense e a súa importante contorna natural, ambos recentemente postos en valor polo Concello.

Residencia Artística Xuvenil

A Residencia Artística Xuvenil é unha iniciativa dirixida a xente nova (de entre 16 e 29 anos) que queira adentrarse no eido da música non só a nivel de lecer e tempo libre senón tamén profesionalmente. O programa ten abertas as inscricións.

Esta formación permitirá as persoas participantes coñecer de preto a industria musical e acceder ás ferramentas para desenvolver os seus proxectos artísticos “cun criterio e unha dirección”. Ademais, sinala Deloa, “terán a oportunidade de coñecerse entre si e formar grupos de traballo, dando lugar a un laboratorio de creación musical, ao mesmo tempo que traballan as competencias para o emprego en formacións levadas a cabo por profesionais do sector da comunicación, o adestramento, selección de persoal e a orientación laboral”.

O programa desenvolverase os meses de xullo e agosto.

Os lugares de celebración serán os seguintes:

-Noia: Edificio Casino

-Outes: Centro de Emprendemento de Outes (CEO)

-Porto do Son: Casa da Cultura

A inscrición pode facerse entre o 20 de xuño e o 6 de xullo. Pódense facer a través do teléfono 981 817 000 ou, por Whatsapp, a través do móbil 606 026 202.

Amais, algunhas das sesións formativas desenvolveranse no Festival da Luz (Boimorto e nos Estudios Mans (A Coruña).

Esta actuación enmárcase nun convenio co-financiado polo Fondo Social Europeo, a Escuela de Organización Industrial e a Asociación Deloa, coa colaboración dos Concellos de Noia, Outes e Porto do Son.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...