Noia, Outes e O Son acollen este verán un programa formativo de Deloa para sacarmos o artista musical que levamos dentro

A Asociación Deloa en colaboración cun grupo de concellos (incluídos os de Noia, Outes e Porto do Son) vai organizar o programa formativo Residencia Artística Xuvenil, dirixido a xente nova (de entre 16 e 29 anos) que queira adentrarse no eido da música non só a nivel de lecer e tempo libre senón tamén profesionalmente. O programa ten abertas as inscricións.

Trátase dunha iniciativa de emprego xuvenil abeirado ao convenio co-financiado polo Fondo Social Europeo, EOISchool e a Asociación Deloa en colaboración con varios concellos.

Esta formación permitirá as persoas participantes coñecer de preto a industria musical e acceder ás ferramentas para desenvolver os seus proxectos artísticos “cun criterio e unha dirección”. Ademais, sinala Deloa, “terán a oportunidade de coñecerse entre si e formar grupos de traballo, dando lugar a un laboratorio de creación musical, ao mesmo tempo que traballan as competencias para o emprego en formacións levadas a cabo por profesionais do sector da comunicación, o adestramento, selección de persoal e a orientación laboral”.

O programa desenvolverase os meses de xullo e agosto.

Os lugares de celebración serán os seguintes:

-Noia: Edificio Casino

-Outes: Centro de Emprendemento de Outes (CEO)

-Porto do Son: Casa da Cultura

A inscrición pode facerse entre o 20 de xuño e o 6 de xullo.