O Concello de Boiro convocou un proceso selectivo para a confección dunha bolsa de emprego temporal de técnicos de turismo. O proceso materializarase mediante concurso-oposición libre e os contratos de traballo formalizaranse baixo a modalidade contractual laboral temporal. As bases e toda a información están dispoñíbeis na web municipal.
O Concello de Boiro recibe da Deputación da Coruña unha subvención para o financiamento de gastos de persoal nas oficinas de turismo, que ten como obxectivo o fomento do emprego así como dotar de persoal e contidos o departamento de Turismo do Concello de Boiro especialmente na época estival, “cando hai unha maior afluencia de visitantes no municipio”, explicaron fontes do Consistorio, engadindo que “para participar deste proceso selectivo as persoas interesadas deben cumprir unha serie de requisitos, esixíbeis para o acceso ao emprego público como ter a nacionalidade española, ter máis de 16 anos, non padecer enfermidade ou defecto físico ou psíquico que impida o desenvolvemento das funcións, non atoparse incurso en causas de incapacidade ou non ser despedido mediante expediente disciplinario”.
Ademais as persoas aspirantes deben de contar con estudos superiores nalgunha das seguintes modalidades: empresas e actividades turísticas, turismo, ciencias empresariais e turismo, historia da arte, humanidades, xeografía e ordenación do territorio ou historia.
Con esta listaxe de contratación o que se pretende é a contratación de dúas persoas para o departamento de Turismo. O prazo de presentación de solicitude está aberto dende este mércores 1 de xuño e durante un prazo de dez días hábiles.