“Asinadas as licenzas de pesca en augas de Senegal para a frota española”, Antón Luaces

A frota española integrada por 15 buques que teñen a súa base de operacións pesqueiras en augas atlánticas de Senegal xa dispón das pertinentes licenzas de pesca unha vez acadado o acordo entre a Unión Europea e o país africano para desbloquear a expedición das devanditas licenzas para este ano. O ministro de Pesca e Economía  senegalés, Alioun Ndoy, asinou este mércores as licenzas de pesca que permanecían bloqueadas.

O acordo de pesca entre a UE e Senegal estaba paralizado desde o ano 2021 pola negativa das autoridades senegalesas a emitir as licenzas correspondentes ao ano 2022 malia seren tramitadas e aboadas en tempo e forma.

Trátase dun acordo vital para a frota de atuneros cañeiros europeos que teñen a súa base no porto de Dakar desde vai 20 anos, cunha tonelaxe anual de referencia de 14.000 toneladas e que ofrece posibilidades de pesca a un total de 28 atuneiros conxeladores comunitarios, dos que 16 corresponden a España: 7 atuneiros cañeiros, 3 palangreiros de superficie e 2 arrastreiros merluceiros. Para este ano tramitaran e aboaran as súas licenzas 8 atuneiros cerqueiros conxeladores do País Basco e Galicia (que operan con 2 buques de apoio), 3 atuneiros cañeiros do Paìs Basco e Cantabria, e 2 buques demersais á pescada de armadores galegos con porto base en Canarias.