As medallas Castelao distinguen a cinco personalidades e institucións que «engrandecen» Galicia

28 Xuño 2022
O titular da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acompañado do seu Executivo, preside a cerimonia de imposición das Medallas Castelao 2022. San Domingos de Bonaval (Santiago de Compostela), 28/06/22.

O acto de entrega das Medallas Castelao que, na súa edición de 2022, recoñeceron a traxectoria do político nacionalista Camilo Nogueira, o chef Javier Oleiros e o xornalista Javier Sánchez de Deus. Ademais, galardoouse ao club de fútbol sala Pescados Rubén de Burela, nomeado mellor equipo do mundo e campión de Europa; así como a coral coruñesa O Eco, fundada por Pascual Veiga.

O escenario non podía ser máis solemne: a igrexa de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela, onde descansan os restos mortais do intelectual rianxeiro, que morreu no exilio, e dá nome ás condecoracións que concede o goberno autonómico. A Castelao aludiu en varias ocasións durante a cerimonia o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para reivindicar «un galeguismo integrador» e unha rexión na que «non sobra ninguén», que é «tan aberta e plural que non merece ser reducida a visións pequenas».

«Dicía o ‘pai do galeguismo’ que na gran obra de Galicia hai sitio para todos», reivindicou o presidente da Xunta, e esa concepción aberta —engadiu— «está detrás do éxito» da Galicia actual.


Intervención do presidente da Xunta de Galicia no acto de entrega das Medallas Castelao 2022

Autoridades presentes,

Señoras e señores,

A idea que mellor explica o acto que celebramos hoxe, foi expresada xa por Alfonso Rodríguez Castelao, o outro gran protagonista destas medallas. Dicía o pai do galeguismo que na grande obra de Galicia “hai sitio para todos”. Galicia é polo tanto unha casa común que todos os galegos construímos e despois todos os galegos habitamos.

Ese fogar que canta o noso himno cambia cos tempos, adáptase e amplíase, pero sen perder nunca a capacidade de xuntar. Dentro dese recinto que vai evolucionando, convivimos mulleres e homes con diferentes ocupacións e maneiras de pensar, pero que nos sentimos parte, dun propósito común.

O 28 de xuño é unha desas datas que marcan fito na historia dun pobo. Tal día como hoxe, en 1936, foi plebiscitado o primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia. Tal día como hoxe regresaron os restos de Alfonso Rodríguez Castelao. E desde 1984, cada 28 de xuño como hoxe honramos a compatriotas ilustres que contribúen a engrandecer a Galicia.

Aquel Estatuto que nunca entrou en vigor, foi unha semente que finalmente deu os seus froitos.

Galicia puido configurarse como nacionalidade histórica cando España se definiu como nación democrática. E Castelao, deixa un legado de galeguismo integrador que fai posible o autogoberno “do pobo, polo pobo e para o pobo”, parafraseando a célebre máxima de Abraham Lincoln.

Ese galeguismo integrador está detrás da historia de éxito da Galicia autonómica. Un triunfo que, como parte do noso patrimonio colectivo, a todos e todas nos corresponde conservar, impulsar e engrandecer. Así o fixeron antes aqueles que ocuparon este cargo e entregaron estas medallas. Así o farei eu agora, entregándoas, honrado, por primeira vez.

Somos unha democracia plena, afectada desde logo por problemas, e susceptible de melloras, pero que xa ten no seu palmarés logros innegables e sobre todo logros colectivos.

Ademais das conquistas materiais que o autogoberno propiciou ou cando menos estimulou, cómpre subliñar a cohesión social como unha conquista decisiva e crucial para o presente e o futuro.

Esa Galicia integradora e afectiva faise presente en calquera ámbito. Agora que fogares e familias volven atravesar dificultades no máis básico da súa vida cotiá, faise máis necesario que nunca o servizo público practicado desde a proximidade.

Creo nun modelo que non se considere en posesión das verdades absolutas pero que diga sempre a verdade. Un modelo que escoita e aplica o escoitado, e que fai súas as prioridades reais da xente, e non se parapeta en debates ficticios. Un modelo que goberne en primeira persoa do plural: esforzámonos, unímonos e superamos xuntos as dificultades.

A Galicia actual, primeiro forxouse como un soño e desde hai catro décadas como unha comunidade. Nela, deixamos de ser individuos illados, e formamos parte dunha familia ampla na que todos debemos avanzar xuntos.

Miramos con orgullo o camiño percorrido polos nosos antepasados, con determinación -o que nos toca no presente- e con esperanza na senda de futuro.

Igual que estas medallas eloxian traxectorias que un día deron primeiros pasos prometedores, hai unha Galicia moza –unha Galicia libre, enérxica e talentosa— que ten na súa man a chave dos nosos vindeiros éxitos como pobo. Se pulamos por eles hoxe, darannos novas alegrías hoxe, pero especialmente no futuro.

Na nosa andaina colectiva non sobra ninguén. A nosa historia desminte que o orgullo do propio implique unha identidade repregada. Ao contrario, participamos da España autonómica e da Europa unida sen alentar a división. A pegada de Galicia é tan ampla, aberta e plural que non merece ser reducida a visións cativas.

Cada galego de entón e cada galego de hoxe posúen unha faceta sen a cal Galicia estaría incompleta.

Nesa senda participa cun intenso protagonismo Camilo Nogueira, impulsor de tantas causas que falan da pluralidade do noso pobo. Camilo Nogueira creu nas posibilidades transformadoras da autonomía, cando iso era algo que suscitaba dúbidas a moitas persoas.

Velaquí un exemplo desa Galicia integradora: Non é necesario compartir todas as teses dunha persoa para recoñecerlle os moitísimos méritos que ten. Eu entrégolle esta medalla coa convicción de que estamos ante alguén que contribuíu con todas as súas forzas a facernos un pouco mellores.

Camilo Nogueira sempre obrou pensando no progreso de Galicia. Así, loitou por unha terra incardinada en Europa e tendeu a man aos irmáns portugueses, anticipándose ás numerosas pontes que hoxe en día nos unen, pero que non eran tantas hai uns anos. A súa pegada é imprescindible para entender a Galicia actual e o seu camiño de progreso.

No firmamento galego, Javier Olleros sitúa as estrelas Michelin e os soles de Repsol. O seu é un dos 200 mellores restaurantes de Europa, e é finalista este ano 2022 nos premios que nomean o mellor chef do mundo. Na cociña faise tamén a nova Galicia.

A cociña galega renóvase sen perder raíces, igual que o conxunto da sociedade galega. Con el a nosa gastronomía alcanza teitos ata entón inexplorados pero mantendo os pés no Grove, na súa Culler de Pau e no produto galego.

Grazas, Javier, por facer que teñamos tamén un país cheo de sabores e por conquistar a tantos a través dun dos nosos sinais de identidade.

A Coral Polifónica El Eco de A Coruña resoa dende 1881. Na Galicia de entón e na de agora, cantar era unha necesaria expresión colectiva, unha forma de manifestar que estamos xuntos, e sentimos as mesmas sensacións.

Pascual Veiga, o seu fundador, deixounos como legado a música do noso himno e a coral mais antiga de España. Ópera, cantatas, oratorios, opereta, zarzuela, habaneras, música popular e relixiosa. Velaí un eco profundo e persistente, sen o que non se entende o que somos, e ó que sen dúbida lle agardan outros 140 anos de traxectoria musical.

Ao final deste acto, cando cantemos a coro o himno galego, a composición de Pascual Veiga para o poema de Pondal traerá a Bonaval un eco profundo e persistente, sen o cal é moi difícil de entender o que somos.

Non sería posible, en realidade, relatar o palmarés de Pescados Rubén de Burela sen ocupar boa parte da miña intervención.

Resumámolo dicindo que elas son o mellor equipo de fútbol sala feminino do mundo, que teñen a mellor xogadora do mundo e un dos mellores adestradores do mundo. Que máis se pode dicir? Os seus triunfos fannos lembrar que nesa obra galega na que todos traballamos, ocupa un lugar senlleiro no deporte, pero especialmente no deporte feminino.

Aínda que non entre nas vosas vitrinas, podedes presumir do título máis importante de todos: a promoción da igualdade no noso deporte. Por cada rapaza galega que pense “eu quero ser coma vós”, estaremos un paso máis cerca desa meta imprescindible.

E non sabería dicirlles a idade de Javier Sánchez de Dios, pero seguro que non se corresponde coa vitalidade deste periodista entregado en corpo e alma á súa profesión. En cada palabra escrita ou pronunciada por este fillo de Tui hai unha ilusión que non esmorece nunca, e un rigor que sempre sorprende.

Polas súas teclas e micrófonos pasou a historia de Galicia das últimas décadas, cos seus poncios a avecillas e tamén galegos anónimos que coñecemos grazas a que el os rescata do anonimato.

Todo iso nunha linguaxe, ás veces máis directa e outras moi críptica, para que todo aquel que se dedique á “cousa pública” en Galicia está obrigado a saber descifrar.

Así a política, a cociña, a música, o deporte e o periodismo, engrandecen a comunidade de todos.

Alfonso Rodríguez Castelao referíase á Galicia como unha obra. Galicia é, efectivamente unha obra, pero tamén é un camiño. Un camiño que vén de lonxe e ten que chegar moi lonxe.

A misión dos que camiñamos por el nesta altura do século XXI é facelo cada vez máis ancho, cordial e rico en pareceres e puntos de vista.

Nesta edición das Medallas Castelao galardoamos a ilustres camiñantes que, unha vez máis, representan os galegos que fan patria de cada día. Premiándoos, estamos recoñecendo un país que está e ten que seguir en marcha.

Así o perciben os milleiros de peregrinos que se converten en galegos honorarios co noso Xacobeo. Chegan a unha Galicia nova, pero chegan tamén a un país de vellas tradicións que se renova constantemente.

Artífices desa renovación son estes premiados, aos que dou os parabéns en representación de todos os galegos que vos admiran. A vosa traxectoria brillante é a mellor guía para avanzar pola senda compartida de todos os galegos. O camiño cara a unha Galicia mellor.

Moitas grazas

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Reto astrolabio”. Alberto Barciela

“Reto astrolabio”. Alberto Barciela

El mar merece respeto, aun así reclama y admite audacias, quizás motivadas por el horizonte casi infinito. El ser humano, en la búsqueda de sí mismo, de completar inquietudes y afanes, de responder a su curiosidad, acepta con gusto el reto de los nuevos rumbos,...