A Pobra celebra o Día Mundial do Medio Ambiente cunha acción voluntaria de limpeza na Corna

O Concello da Pobra vai conmemorar o Día Mundial do Medio Ambiente, que se celebra este 5 de xuño. Farao a través da campaña local de voluntariado Agora é o momento! Consistirá na retirada de lixo na praia da Corna, en horario de 10.00 a 13.00 horas. Establécese como punto de encontro a primeira entrada ao referido areal, en Caíños, ás 09.45 horas.

Os elementos obxecto da retirada serán aqueles de plástico, metal ou vidro, pois resultan nocivos para o ecosistema. A limpeza realizarase de maneira manual con material proporcionado polo Concello.

Impulsada polas concellarías do Medio Ambiente e do Voluntariado, das cales son titulares a edil Genoveva Hermo (Nós Pobra) e o edil José Andrés Lojo (Nós Pobra), respectivamente, a dita actividade busca concienciar sobre a importancia de preservar as contornas naturais e involucrar a veciñanza no coidado delas.

Requírese a inscrición previa obrigatoria antes do día 3 de xuño a través do teléfono de contacto 981 832 764, opción 1, ou do enderezo electrónico voluntariadopobradocaraminal@gmail.com. Dirixido a persoas maiores de 18 anos, resultará preciso cubrir un formulario de rexistro e un convenio de colaboración, así como a entrega dunha foto de carné, para que a Administración local poida tramita-la alta no seguro, o cal non suporá ningún custo para as e os solicitantes.