A plataforma en contra da localización da depuradora de Queiruga na praia do Dique maniféstase este sábado ás 12.00 en Porto do Son

A Plataforma en contra da localización da depuradora no Río Maior/Praia do Dique convocou unha mobilización para este sábado 18 de xuño, ás 12.00 horas, no Espazo Secadoiro (Estacada) da
Fachada Marítima de Porto do Son. A concentración farase de xeito conxunto coa veciñanza de Portosín, sendo a súa reclamación principal reclamar un novo emprazamento para a estación de augas residuais prevista para a parroquia de Queiruga, preto do devandito areal.

En concreto, estes son os motivos de dita concentración explicados pola plataforma:

– “O pobo de Queiruga e o pobo de Portosín únense nunha concentración conxunta para visibilizar os múltiples problemas que estamos tendo ca maneira de gobernar no concello de Porto do Son e as súas imposicións”.

– “Os veciños da Ponte de Queiruga rexeitan a instalación dunha depuradora ó carón das súas casas, co vertido ó río e por consecuencia a praia máis concorrida polas familias no verán, á praia do Dique (ao lado dos Castros de Baroña). Proxecto tombado no 2009 e recuperado polo Goberno actual despois da pandemia omitindo a información aos veciños da contorna e mentíndonos, evitando por todos os medios reunirse con nós”.

– “Por outra banda, ós veciños de Portosín maniféstanse por sufrir exactamente o mesmo mal trato e mentiras por parte do actual equipo de Goberno, en diferentes obras realizadas ou pendentes de realizar (marquesiña de transporte público na porta da casa dun veciño, o proxecto do colexio, paso de peóns, semáforo, etc…)”.