A Fundación RIA, en colaboración coa Axencia Galega de Infraestruturas, desenvolverá un acto de participación e reflexión sobre a estrada AC-305 ao seu paso pola Pobra do Caramiñal. Será este mércores 29 de xuño no Centro Sociocomunitario da Pobra do Caramiñal, en horario de 18.00 a 20.00 horas. O obxectivo das dúas entidades é “mellorar a seguridade e recuperar a identidade dos núcleos de poboación litorais do Barbanza”. Para a organización do evento a Fundación RIA conta co apoio da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

Antecedentes
Trala elaboración dun anteproxecto para a humanización da AC-305 ao seu paso por Palmeira (cuxo proxecto de execución xa foi licitado e está a ser redactado nestes momentos) a Fundación RIA subscribiu en decembro de 2020 un convenio de colaboración coa Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta de Galicia. Grazas a este convenio, a Fundación RIA desenvolve un estudo xeral da estrada AC305 que percorre o litoral do Barbanza e elaborará propostas de intervención para mellorar a seguridade e recuperar a identidade urbana de 5 núcleos de poboación.
Obxectivo da xornada
O acto de participación e reflexión é unha das actividades recollidas no convenio subscrito entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e a Fundación RIA. Segundo informan as entidades, os actos participativos “buscan fomentar o debate coa poboación local para incorporar criterios subxectivos sobre a seguridade da vía e reflexionar sobre os valores patrimoniais, urbanísticos e identitarios da contorna”. Deste xeito, “a xornada permitirá reflexionar sobre o tramo que percorre A Pobra do Caramiñal, que foi escollido para próximas actuacións”. A través da participación activa dos veciños, farase un percorrido pola memoria e identidade da rúa, destacando os seus valores característicos e identificando as súas necesidades.
Lugar
Centro Sociocomunitario da Pobra do Caramiñal.
Data
29 de xuño, de 18:00 a 20:00
Formato
O acto terá tres partes.
-Unha introdución a cargo de Francisco Menéndez, director xeral da Axencia Galega de Infraestruturas.
-Unha presentación de 20 minutos por parte da Fundación RIA, na que se describirá o contexto do estudo e os principios sobre os que se asenta. A través de fotografías e vídeos presentaranse algúns dos conflitos identificados na AC-305 ao seu paso pola Pobra do Caramiñal e os potenciais de mellora da contorna.
-Tras as presentacións abrirase un debate cos asistentes sobre a mobilidade e o espazo público na comarca e o municipio.
Relatores
A xornada contará coas intervencións de:
• Francisco Menéndez, director xeral da AXI
• Manuel Rodríguez, coordinador da Fundación RIA
• Alfonso Bertran, arquitecto na Fundación RIA e coordinador do estudo sobre a AC-305
• Lucía Escrigas, arquitecta na Fundación RIA



