A Comunidade do CEIP Heroínas de Sálvora homenaxea a seu ilustre veciño Manuel Ayaso

Este mércores 8 de xuño celebrouse na parroquia de orixe do artista Manuel Ayaso unha nova e importante homenaxe á súa traxectoria artística, ao seu relevante legado e ás destacadas contribucións feitas polo artista á promoción e recoñecemento da súa vila natal. A cita foi no CEIP Heroínas de Sálvora e encadrouse nas actividades do programa Xuño da Cultura e das Artes de Ribeira e máis no Proxecto Ruralité que organiza o devandito colexio de Aguiño no que participan as tres comunidades de alumnado (pequenos, medianos e maiores). No acto tamén colaborou a Asociación Francisco Lorenzo Mariño de Aguiño e a Concellaría de Cultura de Ribeira.

En representación da AFLM e da área de Cultura do Concello acudiu Unai González, que acompañou a Manuel Ayaso no transcurso da actividade. Tamén participaron activamente as profesoras e profesores do CEIP e o alumnado repartido en tres comunidades (pequenos-infantil, medianos de primeiro, segundo e terceiro de Primaria e maiores de cuarto, quinto e sexto de Primaria).

A actividade desenvolveuse nun primeiro intre na biblioteca do centro educativo, onde Ayaso pintou para cada comunidade un debuxo nunha táboa que previamente tiñan preparada os propios alumnos con cunchas, cortizas, madeiras e outros materiais decorado. O artista deseñou a figura dunha nena para a comunidade dos pequenos, un ser mitolóxico con cabeza de paxaro e unha muller enriba mariscando cun aparello para a comunidade dos medianos e un bispo cunha muller maior rezando e un autoretrato para os maiores.

Amais, contou cousas da súa vida, respondeu ás preguntas que lle fixeron (os cativos tiñan previamente preparada a súa traxectoria e coñecían a súa biografía) e tamén dedicou uns catálogos e libros sobre a súa traxectoria attística que en nome do Concello de Ribeira foron agasallados para a biblioteca do colexio. Tamén recibiu uns presentes por parte da comunidade educativa; o cartaz do proxecto enmarcado e uns adhesivos alusivos que cada alumno levou tamén para a súa casa.

A continuación o homenaxeado visitou as dependencias do centro, concretamente o espazo Atelier, que é onde a rapazada realiza as expresións artísticas e que dende esta semana leva o nome do artista (intre que foi inmortalizado na foto que acompañamos onde figura Ayaso coa profesora Sara Reiriz e con Unai González).

De seguido visitou o espazo Editorial, onde as nenas e nenos realizan publicacións e traballos audiovisuais e onde se localiza a canle radiofónica escolar (Radio Sálvora).

Tamén visitou o espazo Café Teatro e outros recantos do centro educativo centrado en literatos galegos como Luz Pozo Garza, Rosalía de Castro, Castelao, pero tamén Manuel Lustres Rivas, Francisco Lorenzo Mariño ou, dende esta semana, Manuel Ayaso.

A AFLM recordou durante o acto que o vindeiro mércores 15 de xuño, ás 11 h, no adro da Igrexa de Aguiño, realizarase o mural urbano cunha das obras feitas por Ayaso para o Colexio, que consiste nun mariñeiro (un polbeiro mariscando no Carreiro en Aguiño) e do que o artista pintará o trazo para despois ser coloreado pola comunidade de maiores do CEIP Heroínas de Sálvora e “deste xeito quedar esa testemuña de arte urbana nun lugar salientábel da parroquia de Aguiño”.