Na tarde deste domingo 1 de maio o Auditorio Municipal de Ribeira abría as súas portas ás 18 horas para convidarnos a un encontro co músico e compositor Xabier Díaz, que nos amosou o seu novo traballo discográfico: Levantarse e caer. Arrolos e abrentes.

Unha fermosa escolma de temas acompañada da voz de Antía Muíño, da guitarra de Guillerme Fernández, do acordeón de Roberto Grandal, da zanfona de Iván Costa e coa presenza do técnico de son ribeirense Tomás Axeitos.

Perante un ateigado Auditorio contaba onte Xabier que este novo álbum fala da nenez, do bonito que ten e da aprendizaxe que trae parella o feito de medrar e facerse, fala das experiencias adquiridas no camiño e da necesidade de aprender dos erros e de ser quen de seguir avante, como nos sinala o mesmo título do traballo.

Xabier Díaz mencionou a Onetti e Galeano no concerto de Ribeira, falounos da importancia de perder e de saber perder, tirando do fío lembramos as palabras do cineasta italiano Pasolini que dicía que xa dende pequenos se nos ensina que a vida é unha competición para gañar, Díaz insistiu en que non hai gañadores nin perdedores.

O artista coruñés entoou onte arrolos e cantos á felicidade e ao respecto polos demais, algo ben necesario nestes tempos, aproveitou tamén para felicitar a todas as nais e avoas presentes na sala.

Unha ducia de pezas soaron no Auditorio, todas as do novo album e a xeito de peche-agasallo dous dos seus temas máis senlleiros: Teu nome por mar e por terra e a marabillosa Cantiga da montaña.