Rianxo conmemora a cultura galega con teatro, performances, música e festas populares

10 Maio 2022

O Mes das Letras en Rianxo virá cargadiño de actividades, segundo confirmou a Área de Cultura do Concello. Comezaron o 6 de maio coa presentación da curtametraxe Rompente de Eloy Domínguez Serén no Auditorio Municipal, e tiveron continuidade un día despois, coa homenaxe ao poeta local Brea Segade e coa presentación de tres libros de poemas de Ricardo Seixo Fernández (Sinais, Coa Luz Negada e Na República da Intimidade), tamén no Auditorio rianxeiro.

Este venres 13 a axenda experimentará un novo repunte coa representación da peza teatral Continente María, de Ainé Producións, na Sala Arcos Moldes do Auditorio. Será ás 21.00 horas e terá unha duración aproximada de 75 minutos. A función conta co apoio de A Quinta do Cuadrante, o Concello da Coruña e o Centro Dramático Galego. A obra en cuestión, abeirada ao programa de residencias artísticas do Concello de Rianxo (o equipo responsábel da función leva varias semanas facendo uso da devandita sala do Auditorio Municipal para a preparación desta nova produción), é unha homenaxe á actriz galega María Casares, da cal se está a celebrar o centenario do seu nacemento. Partindo do seu estudo e dun intenso traballo documental sobre a súa vida e as súas circunstancias, a compañía teatral argallou un espectáculo que é “un achegamento á nosa historia recente dun xeito reflexivo, dinámico, vitalista e crítico”, sinalan, engadindo que Continente María constitúe un tributo á figura de Casares desde a terra que a viu nacer, utilizando o mesmo medio que ela decidiu habitar até os seus últimos días: o teatro.

A axenda prosegue o sábado 14, no mesmo escenario, co espectáculo Máis Alálá, argallado por Xelís de Toro e Alejandro Vargas. Será a partir das 21.00 horas. Máis Alálá é un proxecto poético sonoro performático inspirado no libro De catro a catro de Manoel Antonio, creado polo músico Alejandro Vargas (Cuba/Galicia) e o escritor e performer Xelís de Toro (Galicia/Reino Unido). O título é unha recreación do título do manifesto literario Máis Alá que Manoel Antonio realizou xunto con Álvaro Cebreiro no ano 1922. Partindo dos 19 poemas do libro De catro a catro os artistas crean, nas súas palabras, “un sinxelo programa informático para transpoñer todas as letras dos poemas a números e posteriormente a notas musicais”. Isto permítelles traballar cun banco de palabras e un banco de notas musicais.

A axenda complétase coas seguintes citas:

– Festa do Bandullo, o 14 de maio no Araño

– Celebración da Virxe dos desamparados, o 14 de maio en Brión (Leiro)

– Feira de 1906, o 17 de maio en Campo de Pasos (Taragoña)

A maiores de todo o devandito, Rianxo tamén vai dar acollida a dous concertos de tributo ao compositor galego Carlos García López-Picos (Betanzos, 1922–Oleiros, 2009), do que se están a celebrar estes días o centenario do seu nacemento. Estes concertos, que veñen da man do departamento de Cultura da Deputación da Coruña, arrincaron o 29 de abril no Pazo de Mariñán e está previsto que este maio o ciclo de actuacións percorra diversos escenarios da provincia. No caso de Rianxo, recalarán no Auditorio os días 20 e 21 de maio.

O primeiro concerto, o do 20 de maio, será ás 21.00 h e é unha actuación para violonchelo e piano que contará coa presenza da violonchelista Teresa Morales Diego e o pianista Javier Ares Espiño, que interpretarán partituras de Manuel de Falla, García-Picos, Isidro B. Maiztegui e Astor Piazolla.

O do 21 de maio, ás 21.00 h, será unha actuación para voz e piano coa soprano Susana de Lorenzo e o pianista Alejo de Lorenzo, que ofrecerán a súa versión de obras de obras de Marcial del Adalid Gurrea, Eugenia Osterberger Luard, Andrés Gaos Berea, García-Picos e Juan Durán Alonso.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Hacia la España federal”. Xosé Perozo

“Hacia la España federal”. Xosé Perozo

Si se cumplen las predicciones demoscópicas, el próximo domingo EH Bildu ganará las elecciones en el País Vasco, superando por primera vez al PNV en escaños y en votos. El fenómeno de crecimiento abertzale está rasgando las vestiduras de muchos politólogos y...