O prestixioso músico Alfredo Susavila achega un curso de “big bands” ao abeiro das Noites de Jazz de Rianxo

Comezan a desvelarse en Rianxo as actividades dun dos certames musicais máis prestixiosos do panorama comarcal e galego: o Festival Noites de Jazz 2022. O avance vén con feitura de obradoiro: unha acción formativa de big bands a cargo de Alfredo Susavila. Será no Auditorio de Rianxo, os martes e xoves do mes de xullo de 2022 en horario e 10.00 a 14.00 horas. Haberá contidos teóricos e prácticas, estando previsto o concerto de clausura para o vindeiro 3 de agosto. A entrada será de balde, cunha fianza de 20€ que será reintegrada ao final do curso (sempre e cando a asistencia sexa do 75%). Máis datos na conta escolademusicaderianxo@gmail.com ou no teléfono móbil 671058555. O prazo de inscrición remata o 3 de xuño. Pódese facer xa a través da Rede.

O Alfredo Susavila Trío nunha actuación

O miolo do curso

Neste curso adicado ás big bands falarase sobre a evolución histórica deste tipo de formación, un piar básico sobre o que se construíron os elementos que conforman a esencia da música do jazz.

Os organizadores informan de que “mediante as distintas sesións de prácticas de ensaio co obxectivo final de realizar un concerto para apertura das Noites de Jazz en Rianxo, os alumnos matriculados gozarán dunha aprendizaxe de tocar neste tipo de formación”.

E engaden: “Por medio de clases teórico-prácticas achegarémonos aos distintos aspectos que afectan a un músico de jazz, mediante a interpretación de arranxos para esta formación, entenderemos e viviremos a experiencia de recrear as sonoridades típicas das big bands”.

Contidos, punto por punto

· Etapa estilística.

· Como estudar o linguaxe do jazz.

· Entendemento da escritura para combo e big band.

· Fraseo, lectura e interpretación. Articulación. Corchea de swing.

· Concepto de acompañamento e interacción na sección rítmica.

· Conceptos de teoría harmónica básica.

· Entendemento harmónico do repertorio a realizar, e información de conceptos para a improvisación na sección de solos.

· A importancia auditiva e rítmica no jazz.

· Entendemento dos estilos relacionados co linguaxe do jazz. funk, bossa, latin, afro, swing

Alfredo Susavila

Titulado superior na especialidade de Jazz no Conservatorio Superior da Coruña, titulado de Grao Profesional na especialidade de Piano Clásico así como Diploma Profesional en música moderna en Estudio Escola de Música.

Cursos, seminarios de jazz e composición complementan a súa formación.

A súa experiencia profesional como director musical, arranxista, e pianista, pasa por formacións de jazz e de distintos estilos da música moderna, acompañando a diversos artistas e grupos con varias xiras e discos ó seu carón. A súa inquietude na composición lévao a musicar libros, sintonías de programas de TV, curtametraxes e composición para banda sinfónica.

Este músico profesional na actualidade segue acompañando a varios artistas en concertos en directo e estudos de gravación, compaxinando o seu labor docente co seu propio proxecto Alfredo Susavila Trío.