Esta semana puidemos saber máis detalles do proxecto do Concello de Porto do Son e a Xunta para levantar o novo centro de saúde da localidade, que estará localizado no centro urbano da vila, a carón do Consistorio e ocupando unha superficie de aproximadamente dous mil metros cadrados (un 66% máis có actual). Emprazarase unha parcela de titularidade municipal entre o Concello e a Casa da Cultura, no espazo que actualmente ocupan o parque biosaudábel e a área de skate do centro da vila. Estes detalles foron achegados polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde Luís Oujo, no transcurso dunha xuntanza destinada a dar pasos para a consecución do devandito inmóbel. Este complementarase coa urbanización da rede de rúas dos accesos á capela da Atalaia, amais da creación dunha contorna de uso público con zonas verdes e de lecer. No propio centro de saúde habilitaranse novos servizos para o concello, como por exemplo consultas de odontoloxía, de farmacia ou de enfermaría pediátrica, amais dunha sala de educación sanitaria.