O Centro Social de Cabo de Cruz acolle a mostra “Descubrindo o Mundo” do CEIP Santa María do Castro

O Centro Social de Cabo de Cruz acolle durante o mes de maio a mostra “Descubrindo o Mundo”, un proxecto realizado pola comunidade educativa do CEIP Santa María do Castro. A concelleira de Cultura, María Outeiral, a directora do centro, Lucía Abad, e o propio alumnado do centro participaron na mañá deste venres 6 de maio na presentación da mostra na sala de exposicións do Centro Social.

A iniciativa parte do proxecto do propio centro que este ano versa sobre o centenario da Primeira Volta ao Mundo e a vida do autor homenaxeado polo día das Letras Galegas 2022, Florencio Delgado Gurriarán, quen tivo que saír do seu país para exiliarse.

A mostra recolle material procedente de diferentes lugares do mundo e cada un dos obxectos que a compoñen ten unha historia detrás que conta un relato diferente: de cariño, de solidariedade, de aventura, de supervivencia…

Detrás de cada un dos elementos que compoñen a mostra hai un recordo traído por un mariñeiro, unha man tendida ao pobo sahariano, un cariño para os fillos dun emigrante que leva meses sen velos…