O BNG incorpora ao Plan de Mobilidade Sustentábel de Ribeira as súas propostas a prol do transporte público, a accesibilidade e o medio ambiente

O Bloque Nacionalista Galego de Ribeira informou da aprobación das alegacións presentadas polo grupo ao Plan de Mobilidade Sustentábel de Ribeira, o PMUS. A agrupación, que valorou moi positivamente esta incorporación logo da exposición pública do plan por parte do Concello, emitiu un comunicado no que salienta o fortalecemento do PMUS a prol dos “espazos públicos de calidade, accesíbeis, seguros, con usos plurais para uso e desfrute da veciñanza”, elementos que forman parte “da visión dos nacionalistas”, recoñecen. O obxectivo do BNG era imprimir no plan “unhas modificacións profundas na mobilidade e na conformación da trama urbana do centro de Ribeira pero tamén das súas parroquias”.

O portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, detallou que as propostas presentadas centráronse na mellora da mobilidade priorizando o tránsito peonil, os medios de transporte públicos e os non contaminantes, en garantir a accesibilidade universal e en aumentar a seguranza viaria e os estacionamentos. Ademais do anterior, Pérez Barral reitera “a necesidade de rematar coa política de asfalto e cemento que promove o Partido Popular e aposta pola creación de novos espazos peonís, zonas verdes así como facer máis esforzos para mellorar a seguridade viaria e adaptar as vías para que respondan ás necesidades reais da forma máis segura posíbel”.

En materia de accesibilidade os nacionalistas pedían “acabar cos problemas que existen por todo o municipio por mor dos anchos de beirarrúa insuficientes, cruzamentos sen adaptar, postes mal situados, bordos demasiado elevados, elementos de mobiliario que invaden o itinerario peonil, etc”, explican no seu comunicado deste luns 23 de maio, engadindo que se promoveu a inclusión no PMUS de medidas que priorizasen a plataforma única en todas as reformas que se fagan nas rúas e “a creación dunha guía con criterios básicos que garantan a accesibilidade universal”.

Con respecto ao transporte público o grupo explica que “coas alegacións incluídas velarase polo cumprimento dos horarios, habilitarase o transbordo que evite o pago de dous billetes entre as persoas que viaxan entre parroquias, sinalizaranse as paradas e os horarios e promoverase a creación de tarifas reducidas para persoas desempregadas, xubiladas e con mobilidade reducida”.

No tocante a outros medios de transporte o BNG sinala que foi quen de “arrincar o compromiso para que Ribeira demande a elaboración de senllos estudos sobre a viabilidade de crear unha conexión ferroviaria así como un estudo de beneficios e custos de establecer unha conexión marítima entre as dúas bandas da ría de Arousa”.

Por último incorporáronse medidas para mellorar a seguridade dos pasos de peóns máis transitados e o calmado de tráfico nas estradas con beirarrúas estreitas ou preto dos contornos escolares.

A única alegación que o Goberno local rexeitou foi recuperar a xestión directa do aparcadoiro do Centenario para reducir as súas tarifas e habilitar bonos de desconto.