O BNG de Outes propón a preservación da casa natal de Añón

O BNG de Outes, a través da concelleira María Xosé Suárez, presentou unha moción para ser debatida en pleno relativa ao estado no que se atopa a casa natal do poeta Francisco Añón e ao futuro que se lle quere dar este singular e sobranceiro inmóbel, non só dende o punto de vista cultural senón tamén histórico, social e turístico. Na moción, que podemos ver debullada nun vídeo acabado de pendurar na Rede, proponse en primeiro lugar “que o Goberno local negocie cos propietarios actuais a adquisición da casa natal do Poeta Añón para a súa posta en valor e restauración”. Tamén se lle reclama ao Concello que “negocie e solicite fondos doutras administracións para aliviar a carga económica que supón un investimento deste tipo ás arcas municipais”. Noutro punto, o BNG urxe ao Executivo de Outes a solicitar formalmente, a declaración BIC da casa natal do Poeta Añón e do Pazo de Boel.

O poeta de Outes, Francisco Añón

Argumentos da moción

Reproducimos a introdución da proposta achegada polo BNG

“Outes tivo a sorte de ver medrar entre os seus veciños ao noso ilustre e coñecido poeta Añón. Tivemos a sorte de que entre os nosos persoeiros se atope un dos primeiros precursores do rexurdimento, un dos primeiros homenaxeados coas letras galegas. Añón foi un gran poeta mais tamén unha persoa comprometida coa nosa lingua e co noso país, foi quen de deixar unha pegada fortísima de amor que aínda segue a agromar e que debemos coidar”.

“Por desgraza, non todo é de conto de fadas e por todos é ben coñecido o pésimo estado de conservación no que se atopa a súa casa natal en Boel. Isto non ten outro cualificativo máis que de vergoña. Que houbera dificultades no pasado para a adquisición da mesma non debe servir de xustificativo para deixar toda tentativa na súa xusta protección. Impórtanos a nosa historia, o noso legado e iso non debe quedar só enriba dun papel nin dun bonito discurso nos días máis oportunos. O querer amósase camiñando e é hora de que a corporación de Outes cumpla cunha longa e agardada obriga moral”.

“É por iso polo que, a través desta proposta, nos facemos eco das reivindicacións da Asociación Cultural Terra de Outes, que nos pasados meses veu a celebrar a XII Muiñada arredor da recuperación da casa natal do Poeta Añón”.