Novas datas para o I Certame de Fotografía Submarina en Pecios RIMARTES

O I Certame de Fotografía Submarina en Pecios organizado no marco do proxecto “ RIMARTES. Riquezas do mar, tesouros do profundo” anuncia un novo calendario de datas para as catro probas que permitirán coñecer seis museos no fondo do mar “creados” ao redor doutros tantos pecios históricos de barcos
afundidos moi preto da costa. Son os do Mar Exeo, o do Rytterholm “O Chinés” e o Pilar Blanco (ría da Coruña), RMS Solway (baixos de Baldaio), Mount Parnes (ría de Cee- Corubión) Oceanográfico (ría de Muros-Noia).
Os interesados poden participar en todas as saídas ou só nunha tanto con cámara GoPro como con equipo profesional xa que este quere ser un encontro aberto a mergulladores recreativos de todos os niveis. O obxectivo final do certame de RIMARTES é dar a coñecer o noso gran e rico patrimonio subacuático a través de todas as miradas posibles.
A primeira cita será o sábado, 28 de maio na Mariña Deportiva da Coruña contando como anfitrións cos tres centros de mergullo da cidade: Mergullo Galicia, Deepteam Coruña e Nauga. Despois, continuará os sábados 4 de xuño en Malpica e o 11 en Fisterra para acabar o 18 en Porto do Son. En leste mesma orde, os centros de mergullo colaboradores que guiarán e acompañarán aos participantes no seu “paseo” polos pecios son Mergullo Malpica, Mergullo #Finisterre e Mergullo Compostela.
Saída e inscricións gratuítas
Tanto a saída na embarcación como as inscricións son gratuítas, debéndose realizar estas últimas a través da FEGAS nos correos electrónicos fegas@fegas.net e imagen@fegas.net, xa que é a entidade que presta apoio técnico ao certame.
Cada fotógrafo poderá concursar con ata tres imaxes nas categorías Angular de pecio con mergullador (Apb), Angular de pecio sen mergullador ( Aps) e Close up / Macro de pecio ( Cup) que optarán a un dos seis premios do I Certame de Fotografía Submarina en Pecios RIMARTES. En concreto, son primeiro, segundo e terceiro clasificado e un galardón para a mellor foto de cada territorio GALP promotor (Golfo Ártabro Sur, Costa da Morte e Costa Sostible). A maiores, todos os participantes entrarán no sorteo de estancias en hoteis localizados no territorio de actuación de RIMARTES, uns 300 quilómetros de costa entre Bergondo e Porto do Son.

A inscrición está aberta para mergulladores en posesión da correspondente licenza e permisos para a práctica de mergullo autónomo, así como do seguro federativo en vigor. En caso de non estar federado, pódese contratar a licenza federativa dun día, que ten un custo de 7€.
Exposición pública
As imaxes do concurso incorporaranse a unha exposición fotográfica itinerante organizada por RIMARTES para a posta en valor do noso patrimonio subacuático, a promoción do deporte do mergullo e para dar a coñecer o territorio dos tres GALP promotores deste proxecto de turismo sostible.
Potencial turístico
O I Certame de Fotografía Submarina en Pecios enmárcase no proxecto RIMARTES que impulsan os GALP Costa Sostible, Costa da Morte e Golfo Ártabro Sur para poñer en valor a importancia do patrimonio subacuático -en concreto os pecios- e a nosa cultura marítima, ademais de dar visibilidade a actividades turísticas e deportivas que xorden ao redor do mergullo recreativo e dos xacementos visitables a través dos centros de mergullo das localidades nas que se celebra o torneo.
Entre os tres GALP abarcan 25 concellos litorais como son Bergondo, Sada, Oleiros, Cambre, Culleredo, A Coruña, Arteixo, A Laracha, Carballo, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Laxe, Vimianzo, Camariñas, Muxía, Fisterra, Cee, Corcubión, Dumbría, Carnota, Muros, Outes, Noia e Porto do Son.