Preto de 50 estudantes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte (Campus de Pontevedra, UVigo) viviron este luns 2 de maio unha intensa xornada de actividades no concello de Ribeira, nunha iniciativa que implicaba a posta en práctica dun proxecto educativo que un grupo de oito alumnas e alumnos dos graos en Educación Infantil e Educación Primaria deseñaron como traballo para a materia Coñecemento da contorna.

Como explica o seu docente, Roberto Silva, o obxectivo desta iniciativa “era promover que o alumnado leve a cabo proxectos educativos centrados no aproveitamento da contorna dunha maneira activa e saudábel” e que “á súa vez sirvan para concienciar sobre a importancia do Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel (ODS)”.

“Son eles os que elixen o destino, falan cos centros aos que imos ir, deseñan as actividades…”, salienta Silva dunha iniciativa que propón “facer unha aula fóra de calquera edificio”. Nese senso, o proxecto deseñado por este grupo de estudantes levou aos seus compañeiros e compañeiras a visitar o Faro de Corrubedo, para logo percorrer o camiño litoral que leva desde este edificio ata a vila e coñecer “diversos sendeiros e recursos arqueolóxicos do Parque Natural”.

Organizada polas estudantes de Educación Infantil Zaira Díaz, Andrea Ledicia García, María Fernández e María Figueroa, xunto coas alumnas de Educación Primaria María Pérez-Ardá, Ana Vázquez, Estefanía Rívas e o alumno Pablo Lago, a xornada comprendeu tamén unha actividade de recollida selectiva de residuos na praia do Vilar. Por último, a xornada completouse cunha visita guiada á lonxa de Ribeira e cunha actividade de mapping paisaxístico, tomando como referencias o Castro da Cidá e o miradoiro da Pedra da Ra.