Lousame celebrará o 15 de maio a XX Festa do Galego

02 Maio 2022

Lousame prepárase para celebrar por todo o alto a XX Festa do Galego, que terá lugar o domingo 15 de maio na praza Teodomiro Hidalgo, en horario de 11:00 a 20:30 horas. “É a principal novidade: se o tempo o permite levaremos esta romaría das letras á praza do Concello porque pensamos que despois de dous anos de restricións hai gañas de celebralo ao aire libre e coa maior cantidade de xente posible”, explicaba Silvia Agrafojo, concelleira de Cultura, durante a presentación da programación realizada esta mañá na casa da Cultura. Un acto no que estivo acompañada por Eduardo Agraso, técnico de Cultura, e
Xosé Manuel Outeiral, técnico de Voluntariado.
Programa
A XX Festa das Letras incluirá xogos e obradoiros culturais para os máis pequenos de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas. Ás 12:00 horas, terá lugar “Cores, contos e Rock´n´Roll con Ramona Órbita”, un espectáculo musical e contacontos de Paco Cerdeira “Pakolas” e a ilustradora Laura Romero. Unha divertida proposta multidisciplinar, xa que mentres Pakolas interpretará as cancións coa súa voz e guitarra, Laura Romero realizará debuxos que acompañan as cancións e contos.
Ás 17:00 horas, o grupo local O Son do Pote ofrecerá un concerto de música tradicional que dará paso, ás 19:00 horas, a unha actuación teatral: Malasombra Producións porá en escena “Habeas corpus”. Trátase dunha comedia destinada a un público de todas as idades e deseñado para exhibirse en espazos exteriores. O argumento trata da relación do ser humano coas demais especies animais, para o cal “Malasombra Producións” recrean un xuizo popular público a un lobo acusado do asasinato dun carneiro.
Finalmente, durante toda a xornada haberá dúas exposicións a disposición do público asistente, ambas as dúas elaboradas polo Departamento Cultura do Concello de Lousame. A primeira xirará en torno á figura de Florencio Delgado Gurriarán, persoeiro ao que se lle dedica a edición de 2022 do Día das Letras Galegas, mentres que a segunda exposición xirará en torno á figura de Diego Antonio Zernadas de Castro, o cura de Fruíme, persoa para quen o Concello de Lousame vén reivindicando un Día das Letras Galegas.
Inscricións
A participación na XX Festa do Galego é totalmente de balde e libre. Se as actividades poden celebrarse ao aire libre, non haberá restrición de asistencia nunha praza na que poden estar máis de trescentas persoas. En caso de choiva todas as actividades serían trasladadas á Casa da Cultura, onde o aforo do auditorio é de 90 persoas. Nese caso, asistirán ao espectáculo unicamente aquelas noventa persoas que reservaran a súa entrada a través de bandotiket.com, previamente e tamén de balde.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Enfermedades terminales”. José Manuel Pena

“Enfermedades terminales”. José Manuel Pena

Estos últimos días las visitas al hospital fueron frecuentes para acompañara un buen amigo que se encuentra viviendo unos difíciles momentos por sudelicado estado de salud. Esta circunstancia me abrió un poco más los ojos ala realidad del sufrimiento, el dolor, el...