González Formoso comproba en Muros o desenvolvemento dos traballos para renovar o Campo Eleuterio Balayo

18 Maio 2022

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou este 18 de maio o concello de Muros, acompañado da alcaldesa Inés Monteagudo, co obxectivo de comprobar o desenvolvemento das obras no Campo de Fútbol Eleuterio Balayo (que está a ser obxecto dunha ampliación e dun proceso de renovación do céspede, traballos nos que a entidade provincial colabora con 170.806 euros a través do Plan Único, dos 235.000 de contía total) e nas infraestruturas hidráulicas de Abelleira.

G. Formoso sinalou no devandito campo de fútbol que a Deputación “está detrás da inmensa maioría dos investimentos dos municipios na provincia, polo que queremos comprobar que o que se fai merece a pena”, neste caso nun terreo empregado ao longo de todo o ano por “arredor de 300 rapaces e rapazas”.

Pola súa banda, a rexedora comentou que as tarefas en execución “van ser satisfactorias e van dar resposta a unha obra moi demandada polos usuarios, clubs de deporte do concello e pola sociedade en xeral”. Monteagudo incidiu en que o campo ten “un uso moi intensivo, reuníndose nalgunhas fins de semana ata 600 rapaces e rapazas, xa que xogan varios clubs e temos unha escola de fútbol infantil que ten 400 nenos”. A rexedora indicou que as obras eran moi necesarias para garantir a seguridade das persoas que empregaran estas instalacións “porque o mal estado do céspede podía provocar incluso lesións”.

Formoso e Monteagudo fixeron saber que “coas tarefas de acondicionamento, substituirase o céspede artificial existente por un sintético de última xeración e ampliarase o terreo de xogo ata os 100 metros de longo e os 55 de ancho, con metro e medio de bandas laterais e dous metros nos fondos”. Previamente a este cambio, repararase o firme da zona onde presente eivas e demolerase o murete de formigón existente no fondo norte, co posterior levantamento doutro tres metros cara fóra.

O campo contará cunha marcaxe para fútbol 11 e 8, pudendo esta última modalidade celebrar dous partidos de forma simultánea. As tarefas de mellora do campo tamén incluirán a substitución da varanda existente por unha nova de aluminio que inclúa a zona ampliada, así como a dotación de novo equipamento deportivo. Á súa vez, ampliarase a canle de recollida de pluviais e substituiranse os canóns existentes da rede de rego.

Na visita ao municipio, o presidente provincial tamén fixo entrega dunha furgoneta ao Club de Remo Muros, unha achega que forma parte da liña de subvencións que a Deputación dedica a clubs de remo e piragüismo para financiar a adquisición de vehículos e á que destinou neste 2022 unha achega de 200.000 euros.

O presidente provincial e a alcaldesa de Muros tamén se achegaron até a parroquia de Abelleira, onde se está a executar a primeira fase das obras de mellora da rede de saneamento do lugar. O proxecto está valorado en 236.361 euros con cargo ao Plan Único. A través destas actuacións, búscase dotar á parroquia de Abelleira, composta por 8 entidades de poboación, dun sistema de saneamento axeitado. As tarefas desta primeira fase levaranse a cabo no lugar de Bornalle e permitirán instalar unha nova rede separativa de augas residuais e de recollida de pluviais na zona da estrada AC-550 e das vivendas. Unha vez se complete esta primeira fase, realizarase a segunda, á que o Plan Único dedica outros 111.470 euros, dos que a Deputación achega o 97%, para continuar cunha iniciativa que quere ofrecer un servizo de xestión de augas pluviais e residuais máis eficiente e menos contaminante no municipio.

En canto á rede de augas fecais, instalarase un colector soterrado cunha lonxitude de 236 metros que prestará servizo a un total vinte e cinco vivendas. No caso das augas pluviais, construiranse colectores de PVC e conectaranse os sumidoiros da zona aos pozos de rexistro.

No encontro no municipio, a alcaldesa transmitiulle tamén ao presidente provincial algunhas demandas en “temas como o parque infantil e os lavadoiros do Challón”. Así mesmo, a rexedora agradeceu a González Formoso “esta última modificación que se fixo nas bases do plan de obras que van a facilitar que os Concellos poidan destinar parte deste segundo plan complementario a gastos xerais”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Reto astrolabio”. Alberto Barciela

“Reto astrolabio”. Alberto Barciela

El mar merece respeto, aun así reclama y admite audacias, quizás motivadas por el horizonte casi infinito. El ser humano, en la búsqueda de sí mismo, de completar inquietudes y afanes, de responder a su curiosidad, acepta con gusto el reto de los nuevos rumbos,...

“Paz e despois gloria”. Luís Celeiro

“Paz e despois gloria”. Luís Celeiro

Eles tamén ganaron, aínda que desta vez, como noutras ocasións, houbo perdedoresagochados detrás do parapeto da verborrea ou dese inmenso muro de silencio. Taménhoubo quen, con tristura e desacougo, admitiu a derrota e parece que está en disposiciónde intentalo...