Comezou a travesía náutica Xacobea 2022 que peregrinará a vela desde Cádiz a Portosín

A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, participou este sábado 28 no inicio da Travesía Náutica Xacobea 2022, a peregrinación a vela desde Cádiz a Galicia coa que se busca promover e visualizar o sistema portuario da nosa costa e impulsar o turismo náutico na costa atlántica. A ruta, organizada pola Asociación de Náuticos de Galicia (ASNAUGA), conta coa colaboración da Xunta de Galicia -a través de Turismo de Galicia e Portos- e de Puertos de Andalucía.

A travesía comezou no porto de Barbate para peregrinar durante 17 xornadas por toda a franxa atlántica e completar arredor de 90 millas a vela co obxectivo de gañar o xubileo neste Ano Santo, tal e como recolle o convenio entre ASNAUGA e o Cabildo de Santiago de Compostela. A frota chegará a Galicia o vindeiro 10 de xuño, ao porto de Baiona. Nas seguintes xornadas continuará ata Portonovo e Ribeira ata recalar finalmente o día 13 de xuño en Portosín, desde onde os navegantes realizarán os últimos quilómetros a pé ata a Catedral de Santiago seguindo a ruta oficial do Camiño.

Como dixemos, o obxectivo desta travesía é “reivindicar o sistema portuario galego como porta de entrada de peregrinos a Galicia co gallo do Xacobeo 2022 e consolidar estes tráficos como turistas náuticos nos vindeiros anos”. Para esta finalidade, Portos de Galicia distinguiu xa no 2021 os peiraos deportivos da nosa costa como portos xacobeos, lembrando que funcionan como enlace entre o litoral galego e os camiños oficiais de peregrinación a Santiago”.