Dodro, Padron e Rois presentan a ruta “Rosalía nos Camiños”, que se inaugura o 21 cunha andaina

Padrón

Os alcaldes de Padrón, Rois e Dodro presentaron esta mañá Rosalía nos camiños, unha ruta de sendeirismo circular de quince quilómetros inspirada na obra En las orillas del Sar e que transcorre por algúns dos lugares máis importantes na vida e na obra da escritora. “Con esta ruta pódese evocar a Rosalía de Castro, ten grande interese literario, paisaxístico e histórico”, afirmou Anxo Angueira, que agradeceu aos concellos que atendesen a proposta feita pola Fundación Rosalía hai dous anos.
A ruta Rosalía nos camiños inaugurarase o vindeiro sábado 21 de maio cunha andaina solidaria que sairá do paseo do Espolón ás 16.30 horas e rematará no mesmo punto despois de pasar por Padrón, Dodro e Rois. A persoas interesadas poden inscribirse a partir de hoxe na web Emesports pagando unha cota de 3 euros (ata 13 anos a participación é gratuíta).
Todo o recadado será doado á Asociación Amipa, para colaborar coa integración das persoas con discapacidade intelectual da comarca do Sar.
A senda é practicamente plana, o único punto elevado é o monte Santiaguiño e logo transcorre na súa maior parte polas beiras dos ríos Sar e Rois. Dende a organización estiman que os primeiros participantes en completar a andaina do día 21 necesitarán unhas tres horas para percorrela.
A Fundación Rosalía propúxolle hai dous anos aos tres concellos deseñar unha ruta baseada no libro En las orillas del Sar. “O río Sar baña os tres concellos, e esta obra de Rosalía, que nace nas Torres da Hermida, en Dodro, discorre pola Trabanca, pola Torre e vai pola Presa ata chegar a Fondóns. Nese itinerario están xuntos os tres concellos”, indicou Anxo Angueira.

A proposta da Fundación con esta ruta é a de “evocar a figura da Rosalía de Castro máis padronesa, máis das Terras de Iria, a través dun roteiro que se complementa con outros puntos de interese que quixo resaltar cada concello”, engade.
O alcalde Antonio Fernández Angueira, resaltou que a senda arranca na estatua que lembra a escritora no paseo do Espolón e pasa por algúns dos puntos máis emblemáticos de Padrón, como o Santiaguiño do Monte, a igrexa de Iria ou o cemiterio de Adina, “onde Rosalía estivo enterrada entre 1885 ata 1891, cando se trasladaron os seus restos ao Panteón de Galegos Ilustres en Santiago”. Ademais, o roteiro pasa, “como non podía ser doutro xeito, por diante da Casa Museo, que hoxe alberga o museo dedicado a escritora, e tamén pola praza de Ramón Tojo, preto da casa na que viviu de nena”.

Dodro

Tras deixar terras padronesas, a senda intérnase en Dodro, pasando moi preto das Torres de Hermida, intimamente relacionadas con Rosalía. “Os propietarios deste pazo no século XIX eran tíos de Rosalía. Aquí pasou longas tempadas, naceron os seus xemelgos Ovidio e Gala e nelas escribiu ‘Padrón e as inundacións’, ademais de compoñer parte doutras obras, como ‘Follas Novas”, destacou Xabier Tourís, alcalde de Dodro. A fonte de Santa María, onde a escritora iniciaba moitos dos seus paseos, é outro punto de paso da senda Rosalía nos camiños. Dende aquí comeza a ascensión ata o monte Santiaguiño, e logo a baixada cara a Trabanca, o campo da Barca e xa se dirixe cara a Extramundi, Lamas e Rois pegada
ao Sar.
A ruta entra en Rois na zona dos Fondóns, nun remanso de augas mansas do río Sar ao que Rosalía acudía a inspirarse. Moi preto de aquí, xunto a un regato visitado pola veciñanza para purificar a roupa dos nenos, “o Concello de Rois puxo unha placa en 2021 co poema de Rosalía que menciona o lugar”, dixo Ramón Tojo, alcalde de Rois, lembrando como en 2020 se puxo en marcha esta iniciativa conxunta dos tres concellos.
Tojo Lens destacou as fermosas paisaxes que se poden contemplar facendo esta ruta e destacou a implicación do artista local Camilo Seira, “autor da imaxe da ruta (unha folla de figueira coa estrela de Rosalía) e dunha ponte viva en Fondóns, que na primavera reverdece coma a árbore que forma parte dela”. Tojo tamén destacou o traballo do canteiro roisense José Conde, que fixo as pedras de granito que serven para sinalizar o roteiro e que inclúen na parte superior a folla da figueira en cor morado. “A punta da folla indica a dirección que deben tomar os camiñantes”, concluíu.
Tanto Padrón como Rois construíron pasarelas de madeira para sortear algúns pequenos regatos polos que pasa a ruta Rosalía nos Camiños que, dende Padrón chega ata a praia fluvial de Seira para volver baixar pola outra marxe do río ata Iria Flavia.

Pola esquerda: Anxo Angueira (presidente Fundación Rosalía), Lorena Couso (concelleira de Cultura e Deportes de Padrón), Ramón Tojo (alcalde de Rois), Antonio Fernández (alcalde de Padrón), Xabier Castro (alcalde de Dodro) e Xoan Xosé Vicente (concelleiro de Cultura e Patrimonio de Dodro).