“Causas háinas. Intereses, tamén”. Antón Luaces

Que as familias dos finados tripulantes do arrastreiro de Marín Villa de Pitanxo traten por todos os medios de recuperar os corpos dos desaparecidos é tan humano, tan absolutamente asumible, que coido non existe tacha alguna a que reclamen axudas, todas as axudas necesarias, para situar en augas de Terranova un buque con tecnoloxía (que os hai a mancheas) que lle permita mediante un robot e un sistema de sónar de barrido lateral localizar o buque afundido e tentar saber si a bordo dese arrastreiro quedan ou non os mariñeiros que no foron rescatados ata o de agora.

O que se fai máis estrano é que se produzan esas contradicións ás que nos temos referido xa en distintas ocasión nas declaracións do patrón do barco e o seu sobriño (semellantes no exposto) e as realizadas polo tercero sobrevivente, Samuel Koufie, que en nada ou case que nada se parecen. Por que se, en definitiva, os tres falan do mesmo sucedido e os tres sos testemuños doutras tantas persoas a bordo dun barco aínda que en posiciòns ou lugares distintos?. Pode ser este feito xustificativo da diverxencia entre o por que dous deles -o patrón e o seu sobriño levaban posto o traxe de supervivencia e o mariñeiro ghanés non?. Que pode xustificar o feito de que -agás o patrón e o seu sobriño- ningún dos cadáveres recollidos levara posto o citado traxe de supervivencia?. So había traxes de supervivencia na ponte do buque onde, teóricamente, estaban o patrón e o seu sobriño no instante mesmo de se producir o afundimento do arrastreiro?. Que beneficios poden tirar destas declaracións non coincidentes os dous familiares, como beneficia a Samuel Koufie dar datos do acontecido de xeito que colisionen co exposto polo patrón e o seu sobriño?.

 Samuel pediu en Marín xustiza para os mariñeiros do Villa de Pitanxo. Un “pero”: “Como imos facer xustiza deixando tiradas as probas máis importantes”. Cales son estas probas, como afectan estas ás pescudas dos encargados de clarexar os moitos por que que aínda non recibiron resposta?.

Samuel Koufie (ou Kwesi) foi rotundo cando dixo “Non podemos facer xustiza sen as probas. El, xunto con Juan Padín, patrón do Villa de Pitanxo, e Eduardo Rial, sobriño do patrón son os únicos tres sobreviventes desa traxedia na que pereceron 21 mariñeiros. Son os únicos que, verdadeiramente, poden contar como se desenvolveu a traxedia: “Eu os vin, vin como sufriron”, e remataba pedindo que se baixara ao Villa de Pitanxo. Talvez porque sabe ou pode entender que no interior do buque poden quedar esas probas hoxendía incompletas.

Polo medio hai moitos intereses: das compañías de seguros, por exemplo; de determinación de culpabilidades.

Chama a atención a falta de apoio da compañía armadora ás familias que demandan axudas para que se utilicen medios -que os hai- que permitan localizar o pecio e tamén, por que non, os corpos dos mariñeiros desaparecidos oficialmente recoñecidos como finados.

A querela criminal contra o patrón e o seu sobriño a presentar esta semana debe ter un obxectivo claro por parte dos querelantes. Estes deben ter algúns rexistros que só poderemos coñecer cando se saiba o contido da querela por 21 homicidios. Pero tamén se citan outras responsabilidades: falsidade documental, encubrimento, delictos contra a saúde dos traballadores, entre outros, que afectarían tanto a casa armadora como ao patrón.

Polo tanto, causas a investigar, háinas; pero tamén podería haber intereses en que non se investiguen, a teor do que o mariñeiro Samuel Koufie permite entender.