Boiro acada a categoría de excelente en nove zonas de baño

O Concello de Boiro vén de reflectir os datos achegados pola Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade en relación ás condicións para o baño dos seus areais, datos que son todos positivos nesta tempada 2022 e que, a maiores, guindan un panorama de “calidade excelente” nun total de nove praias locais: Barraña, Barraña-Salitiño, Carragueiros, Ladeira do Chazo, Mañóns, Piñeirón, Portomouro, Retorta e Ribeira Grande.

Praia da Ribeira-Grande, unha das catalogadas como “excelente”

Dende o Concello lembran o importante traballo levado a cabo nos últimos anos para mudar a xestión dos pozos de bombeo e vertidos: “Na actualidade realízase a diario unha limpeza constante dos pozo e do sistema de sumidoiros, ademais ampliouse e intensificouse a renovación das bombas para reducir o consumo eléctrico e outorgar unha maior eficiencia. Deste xeito fóronse reducindo tamén os vertidos ao mar”, engaden fontes do Consistorio.

Unha das actuacións máis relevantes levadas a cabo é a corrección do vertido en Peralto, unha praia que levaba anos pechada ao baño e que, na actualidade, ten unha calidade da auga catalogada como boa e ten permitido o baño. “Os resultados de calidade das augas amosan que, coas actuacións realizadas neste ano reducíronse o numero de problemas relacionados co saneamento e os vertidos”, indicou o tenente de alcalde, Luís Ruiz.