Adxudicada a mellora da envolvente térmica do Centro Social de Corrubedo

09 Maio 2022

O Concello de Ribeira vén de adxudicar con carácter definitivo os traballos para mellorar a envolvente térmica da antiga escola unitaria de Corrubedo (hoxe Centro Social) e o seu acceso: segunda fase das obras de remodelación integral deste edificio logo das obras de ampliación emprendidas o ano pasado.

A referida adxudicación recaeu na empresa CYS Spania, S.L., conforme a unha proposta económica de 112.530 euros, IVE incluído.

Segundo o proxecto técnico elaborado, as obras a realizar inclúen:

• A colocación dun sistema multicapa SATE ou similar con 8 centímetros de illamento térmico, composto por pranchas de poliestireno expandido de 80 milímetros de espesor, suxeitas mediante fixación mecánica e posterior colocación de malla de fibra de vidro embebida en capa de morteiro seco mineral e acabado fratasado con pintura acrílica.

• Mellora do illamento do espazo baixo cuberta e renovación de caños e baixantes de cuberta.

• Carpintería exterior: substitución da carpintería exterior empregando aluminio anodizado.

• Mellora do espazo exterior de entrada ao edificio: a tal efecto aplicarase un pavimento de pedra silvestre abufardada para mellorar as condicións de seguridade de acceso peonil así como as súas características ambientais. Prevese un pequeno espazo axardinado no lateral sur.

O prazo de execución son seis meses e o investimento está incluído no Plan POS+ 2019 da Deputación.

Conservatorio

O Concello de Ribeira lembra que hai dez días tamén se adxudicaron (provisionalmente) as obras de renovación da envolvente térmica e outras melloras de eficiencia enerxética do Conservatorio de Ribeira Enrique Paisal. E tamén está practicamente rematada a nova envolvente do edificio da UAD fronte á praia de Coroso.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Estratexias kafkianas” – José Manuel Pena

“Estratexias kafkianas” – José Manuel Pena

Despois de tantos anos de período democrático e de liberdades en España, queda de manifesto que o espírito da transición durou o xusto e necesario para que se producise unha amnistía xeral de todos os crimes cometidos durante as catro décadas da ditadura militar...