A ABE colabora cos Programas Integrados de Emprego (PIE) de Boiro

A Asociación Boirense de Empresarios (ABE) vén de facer balance da súa actividade de apoio e colaboración nos Programas Integrados de Emprego (PIE), instrumentos dirixidos á mellora da inserción laboral que no caso de Boiro teñen un marcado protagonismo. En concreto, a patronal traballa con dous destes programas que se executan no municipio, un impulsado dende o Concello e outro dende a Asociación Amicos.

A ABE explica que en ambos casos os socios da entidade poden beneficiarse desta colaboración por medio de dúas vías: acollendo traballadores en prácticas dos cursos oficiais que se organizan ao abeiro dos plans ou ben solicitando as respectivas bases de datos de participantes traballadores para as súas empresas.

Os programas teñen o obxectivo de mellorar o nivel de empregabilidade do alumnado a través de eixos como a formación ou a orientación laboral ou as prácticas en empresas, eixos aos que poden acceder todos os socios da patronal ben contactando directamente cos PIE ou ben a través das oficinas da ABE. A entidade empresarial que preside Daniel García engade que “dende os programas darán resposta ás necesidades de persoal achegando os perfiles das persoas participantes para que sexan valoradas sen ningún tipo de compromiso en posíbeis vacantes”.