Vía Galega reivindica cunha exposición en Rianxo as nosas seleccións deportivas nacionais

A iniciativa Vía Galega e o Concello de Rianxo van organizar no Auditorio Municipal da vila a exposición Galiza, un pobo, unha selección. Será unha mostra aberta para toda a cidadanía destinada a reivindicar as seleccións nacionais galegas e “a rica historia deportiva do noso país”.

Do 8 ao 30 de abril, poderá visitarse na sala de exposicións do Auditorio de Rianxo. O acto de apertura será este venres 08 de abril ás 19.00 horas.

A exposición conta cun manifesto que comeza así:

“Galiza, como Pobo, creou a súa cultura e idioma. Asentou as súas tradicións e patrimonio. Construíu os seus símbolos e sinais de identidade, que se manifestaron no percorrer da súa historia, mais o centralismo que nos abafa impídenos amosarnos no deporte como País que somos”.

Podemos lelo completo e asinalo na ligazón específica habilitada por Vía Galega na Rede.