Ribeira obtén unha bandeira Sendeiro Azul polo camiño literal que une Coroso con Río Azor

29 Abril 2022

Os tesouros paisaxísticos, naturais e de lecer de Ribeira veñen de obter un novo e importante recoñecemento. Concretamente, o concello foi galardoado cunha bandeira Sendeiro Azul para o camiño litoral que une a praia de Coroso coa praia de Río Azor. Así lle foi notificado ao alcalde Manuel Ruiz por parte da Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC), mesma entidade encargada de conceder as bandeiras azuis a praias e portos deportivos.

Segundo sinala ADEAC, Ribeira “foi un dos 8 sendeiros azuis que se incorporan este ano á Rede, sumando así un total de 86 en toda a xeografía española ata sumar unha lonxitude de 474 quilómetros distribuídos en 19 provincias”.

O acto de entrega destas bandeiras está programado para o próximo 26 de maio no Real Xardín Botánico de Madrid.

O Sendeiro Azul é un distintivo que nace coa filosofía de vertebrar e unir o espazo urbano co natural “dunha maneira harmoniosa, didáctica, promotora de bos hábitos saudábeis para a conservación do medio natural e ambientalmente sustentábel”. O seu obxectivo é “premiar a recuperación e posta en valor de itinerarios de todo o territorio nacional, transformados en valiosos recursos para a interpretación ambiental e o goce da natureza, servindo como lugares ideais para a sensibilización ambiental, entendida esta como unha ferramenta que contribúe ao cambio social”.

Neste senso, dende o Concello considerouse que “o citado itinerario acredita estes valores”, especialmente logo de actuacións como a recuperación da zona de servidume entre os areais de Coroso e Río Azor a través da creación dun sendeiro peonil, “que permiten desfrutar dun entorno privilexiado no que se erixen puntos como as illas de Rúa e dos Ratos na ría de Arousa ou que posúe elementos de gran valor patrimonial como unha antiga fábrica de salgadura no remate de Coroso”, salientan fontes do Consistorio.

Froito desta obtención o Concello organizará unha serie de actividades de sensibilización ambiental dirixidas tanto á comunidade escolar como á poboación en xeral.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A UE cara o primeiro Pacto Europeo dos Océanos”. Antón Luaces

“A UE cara o primeiro Pacto Europeo dos Océanos”. Antón Luaces

O chipriota Costas Kadis, de 57 anos, será -se así o decide o Colexio de Comisarios- o próximo Comisario de Pesca e Océanos da Comisión Europea- A proposta de nomeamento parte da presidenta deste organismo da UE, Ursula von der Leyen, quen confía en que o político...