
Cantabria e Murcia serán -se non se produce un cambio nas previsións- as comunidades autónomas que herden de Galicia e por obra e gracia do goberno de turno -PSOE e Unidas Podemos son os partidos que o sustentan, xunto cos apoios circunstanciais doutras formacións políticas con representación no Parlamento español e no Senado- os restos dunha institución que, como aínda é o Instituto Español de Oceanografía (IEO), tiña -ten, polo de agora- en Galicia dous dos seus centros de investigación que máis teñen aportado aos informes que o Estado español ten achegado á Comisión Europea en materia pesqueira.
O IEO, dende a súa fundación, leva dando bandazos no que atinxe á súa dependencia ministerial; pero o goberno que preside Pedro Sánchez semella ter atopado a súa pedra filosofal desvinculando do Executivo nacional un organismo que, con ou sin Estado das Autonomías, sempre dependeu da ADMINISTRACIÓN CENTRAL pero con centros específicos de investigación en distintas cidades españolas. É o caso de Vigo e A Coruña, con moitos decenios nas costelas e un longo historial investigador que agora pode truncarse se, como parece, xa está tomada a decisión de transferir estes centros a Cantabria e á Rexión de Murcia, ambas as dúas sen especificacións vinculantes, ata o de agora, co Atlántico e, menos aínda, co Atlántico Norte, que sempre foi obxectivo dos investigadores asentados en Vigo e A Coruña. Máis aínda: Vigo é, na práctica, a base dalgúns dos buques que pertencen ao IEO, e A Coruña, porto de recalada -non cotián, certamente- deses mesmos buques cando realizan campañas de investigacións mariñas no Cantábrico ou, máis ao nor-nordés, nos caladoiros do Gran Sol. Tamén se irán a Cantabria e Murcia os buques oceanográficos dependentes hoxendía do IEO?.
Un erro grave o do Goberno. E máis grave aínda se a Xunta de Galicia -que cambiará en poucos días o seu presidente pola marcha a Madrid de Núñez Feijoo para presidir o PP- se limita a facer pública a súa disconformidade con tal decisión exclusivamente a través de notas oficiais.
Non pido que se repita aquí o zapatazo de Kruschef na ONU, ou o de Xosé Manuel Beiras no Parlamento de Galicia, pero sí que se escoiten os argumentos que temos os galegos para reclamar que esas institucións marítimo-pesqueiras sigan a ter as súas sedes na que Europa considera a “rexión pesqueira” máis importante da UE!.
Falamos de Galicia e facémolo coa contundencia dos seus argumentos indiscutibles, nunca negados por ninguén en España e comunidade que en varias ocasións foi a voz cantante da España pesqueira en Bruxelas e Estrasburgo.
Que o Goberno se desprende do IEO por cuestión de financiamento é algo evidente; pero tamén o é o feito de que a transferencia a Cantabria e Murcia dos centros de investigación pesqueira radicados actualmente en Vigo e A Coruña vai ter, como mínimo, o mesmo desembolso económico que van precisar os novos destinos.
Aproveita Pedro Sánchez a marcha a Madrid de Alberto Núñez Feijoo para botar ese órdago a Galicia?. Como vai explicar o traslado dos centros de Vigo e A Coruña, onde existe un amplo coñecemento do oficio de investigar no mar do que, supoño, carecen as novos centros do Cantábrico e o Mediterráneo?.
Se a Xunta de Galicia cala, outorga. Botará man do unamoniano “Que inventen eles” para xustificar o que sempre se dixo: “Investigar en España é chorar”, como lembraba estes días nas redes sociais César L., un benquerido amigo a quen, aquí, quero agradecer a súa preocupación polo mar e a investigación que deste se ven facendo en Galicia dende vai máis dun século.
Que no cale a Galicia institucional. Que non calemos os galegos. Calar é deixar ir o que por historia nos corresponde.
