Os socialistas de Ribeira piden melloras no mantemento do mobiliario urbano e máis vixilancia contra o vandalismo

O PSOE de Ribeira, a través do seu concelleiro José Manuel Suárez-Puerta, presentou unha proposición para ser debatida en pleno relativa ao mantemento do mobiliario urbano, que, segundo a agrupación, “é unha das materias pendentes do equipo de Goberno de Ribeira”. Os socialistas poñen o foco especialmente nas papeleiras, moitas das cales atópanse en mal estado, “tanto no centro urbano como nas parroquias”, ou ben ausentes.

O grupo achaca boa parte destes problemas no mobiliario urbano aos actos vandálicos, “como a rotura de farois, as pintadas, o envorcado de xardineiras, a queima de papeleiras e colectores, ou simplemente a destrución dos elementos que forman parte do ben común nun exercicio gratuíto e inxustificábel da violencia”. Estes actos, engaden, “prodúcense por desgraza con mais frecuencia do que sería de desexar, sendo moi leves as consecuencias para os seus autores, que de cando en cando son identificados e case nunca levados ante a xustiza para afrontar a responsabilidade tales feitos”. A agrupación sostén que se ben os colectores son repostos de forma dilixente pola empresa concesionaria da xestión dos residuos urbanos, “non ocorre o mesmo cos elementos que son responsabilidade directa do Concello e as papeleiras son un exemplo claro disto”.

Estes son os puntos da proposta:

– Que o Goberno Municipal transmita ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, tanto ás que dependan da autoridade municipal como ás dependentes da Xunta de Galicia ou do Goberno central, a necesidade de incrementar a vixilancia para tratar de evitar a comisión dos actos vandálicos devanditos.

-Que o Goberno Municipal, en cumprimento das súas obrigacións, proceda a conservar e manter en bo estado operativo e limpas as papeleiras existentes, proceda a repor as papeleiras destruídas e no posíbel á realizar a instalación de novas unidades, especialmente nas parroquias e nas rúas que neste momento carecen delas.