Proseguen os traballos para lograr que a rúa Romero Ortíz de Ribeira, actualmente mergullada nun traballo integral de reforma, sexa máis segura para condutores e, sobre todo, para viandantes. Sen ir máis lonxe, este 21 de abril soubemos que o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, vén de asinar un acordo coa titular dun inmóbel lindeiro coa dita vía histórica da cidade para a cesión a uso público dunha pequena porción da súa propiedade. Esta cesión, sinala o Concello, “vai permitir a ampliación da citada vía nun treito da mesma e con isto gañar en mobilidade e accesibilidade”.

A porción en cuestión ten unha superficie de 5,79 metros cadrados, que foron cedidos pola veciña e que co seu derribo permitirá aliñar esta marxe da rúa. O Concello comprometeuse a “efectuar as obras necesarias para conservar os servizos da propiedade, incluíndo a reposición do muro”.
Cómpre lembrar que actualmente se están a executar en Romero Ortiz obras para a colocación de plataforma única dirixidas a mellorar a accesibilidade e que comportan un investimento superior aos 119.000 euros.