O BNG reclama o reforzo do cadro de persoal e a dotación de novos medios materiais nos xulgados de Ribeira   

06 Abril 2022

O BNG reclamou á Xunta no Parlamento galego o reforzo do cadro de persoal dos xulgados de primeira instancia e instrución números 2 e 3 de Ribeira e a creación dunha sala destinada á toma de declaracións e á práctica de actos de auxilio xudicial, así como a renovación do mobiliario deteriorado e o acondicionamento dun espazo reservado para a agarda das vítimas, nomeadamente de delitos de violencia machista.

Na defensa dunha proposición non de lei en comisión parlamentaria, o portavoz nacionalista de Xustiza, Iago Tabarés, advertiu que, actualmente, o partido xudicial de Ribeira -con tres órganos xudiciais- ten un número de ingreso que supera o módulo máximo de referencia aprobado polo Consello Xeral do Poder Xudicial e que, concretamente na sección civil, acumula máis de 1.600 asuntos pendentes de resolución, o dobre que en 2015, “cunha taxa de conxestión superior á media do resto dos partidos xudiciais da Coruña, Galiza e o Estado”.

Xulgados de Ribeira

Logo de reprochar ao Goberno do PP que, pese a esta realidade, “non teña a intención de crear un novo xulgado que atenda ás necesidades dunha poboación de máis de 55.000 habitantes nos concellos de Ribeira, A Pobra do Caramiñal e Boiro”, Tabarés defendeu medidas que, cando menos, “permitan mitigar os efectos da limitación de planta xudicial”.

Así, avogou por reforzar -como si acontece no número 1- o cadro de persoal dos xulgados números 2 e 3 e, neste sentido, recordou que este último ten atribuídas as competencias en materia de violencia sobre a muller, cunha carga de traballo adicional ao volume ingresado polo propio xulgado de instrución.

De igual xeito, defendeu a creación dunha sala para realizar videoconferencias nas que tomar declaracións no xulgado de garda e as solicitadas por auxilio, o que permitiría liberar unha das dúas salas dispoñibles para, segundo explicou, poder celebrar así audiencias e vistas e axilizar a tramitación dos procedementos que se seguen nos xulgados ribeirenses.

Por último, tamén considerou necesario acondicionar un espazo para sala de agarda das vítimas de violencia sobre a muller “que -subliñou- actualmente deben esperar á toma de declaración logo da denuncia en medio do xulgado, nunha zona de tránsito e sen intimidade algunha, no momento máis complicado do proceso”. Ao seu xuízo, esta problemática resulta facilmente solucionable dado que o edificio xudicial dispón de espazo suficiente para corrixir esta eiva. Pese aos argumentos do deputado nacionalista, a iniciativa non prosperou polo veto do PP.  

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Desde la ventana”. Mario Clavell

“Desde la ventana”. Mario Clavell

En este martes laborable miro desde mi ventana de trabajo el valle del Sarela, monte Pedroso detrás, los cultivos agostados debajo, el barrio de Casa Novas y la Casa del Presidente. Nubes de otoño y algunas gaviotas que planean. Chopos y plátanos amarillean en este...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.