O BNG de Boiro pide ao Goberno local medidas urxentes para mitigar a situación económica do Club de Voleibol

O BNG de Boiro, a través da súa voceira Raquel Suárez, presentou unha proposta para ser debatida en pleno relativa á situación económica na que se atopa o Club de Voleibol local, que segundo sinala a agrupación “vén carrexando problemas económicos que poden levar a mudar de maneira drástica a súa dinámica de funcionamento en canto ao primeiro equipo”. O BNG quéixase de que “logo de varias semanas de xuntanzas co grupo de Goberno local, non haxa unha resposta definitiva sobre se van recibir as axudas económicas que mitigarían esta situación”.

O grupo nacionalista di que o Executivo local xa dispón de toda a documentación a respecto do club, “na que se pon de manifesto a situación do mesmo a curto prazo”, e “que foi ademais solicitada polo Goberno boirense para poder tomar unha decisión en canto ás medidas que tomar para contribuír a botar unha man ao colectivo de Voleibol”. E engaden: “Dende o BNG entendemos que e tempo máis que de abondo para que o Goberno poida ter xa unha decisión tomada e non prosiga aumentando a situación de incerteza que xera a tanta xente involucrada co club”. A agrupación, tendo en conta o devandito, solicita o seguinte: “Que o Executivo de Boiro actúe con responsabilidade e lle dea unha pronta resposta ao Club de Voleibol sobre vai poder contar coa axuda que precisa”.