A conselleira do Mar, Rosa Quintana, lamentou hoxe no Parlamento de Galicia a situación económica na que se atopa o Instituto Español de Oceanografía (IEO) e censurou a xestión que está a levar o Goberno central deste organismo estratéxico para o desenvolvemento da investigación mariña e para a defensa dos intereses da frota española ante as institucións europeas. Por iso, urxiu a rescatalo e a recuperar o seu labor e o seu potencial.
A representante do Executivo galego cualificou de nefastas as decisións que está a adoptar a Administración estatal sobre o instituto -a última repartir a súa sede en distintas comunidades deixando fóra a Galicia malia ser a principal potencia pesqueira e acuícola de España- e que a levaron a unha situación económica dramática que non se solucionou coa súa integración no Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).
A titular de Mar lembrou que a Xunta leva máis de tres anos advertindo ao Goberno central da necesidade de recuperar o potencial do IEO e de sanear as súas contas para facilitar o seu traballo e que poida prestar un axeitado servizo no estudo do medio mariño. Neste sentido, explicou que en distintos consellos reitores do organismo, xa en 2019 e en 2020, expuxo a necesidade de adoptar medidas para apuntalar o seu labor.
Non obstante, esas advertencias non foron tidas en conta e en xuño de 2020 volveu reiterar en sendas misivas ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, e ao entón ministro de Ciencia, Pedro Duque, a urxencia de actuar para salvar o centro. Esa petición tamén foi trasladada un mes despois polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, que ofreceu toda a colaboración de Galicia neste asunto.
Rosa Quintana rememorou ademais que en outubro de 2020 pediu novamente por carta, xunto a membros do Consello Reitor do IEO, ao ministro de Ciencia que non desmantelase o IEO integrándoo no CSIC, demanda que foi desatendida unha vez máis.
Neste tempo, destacou a conselleira do Mar, o Executivo galego estivo en contacto coas direccións dos dous centros que o IEO ten en Galicia -o da Coruña e o de Vigo- para avaliar a súa situación e as perspectivas de futuro. Sobre eles, a Xunta tamén cumpriu co mandato do Parlamento galego e elevou ao Estado as propostas aprobabas pola Cámara autonómica en relación con este asunto.
A titular de Mar lembrou que xa en decembro de 2020 foi remitida ao Executivo central o resultado da votación dunha proposición non de lei coa petición do Parlamento de que iniciase o procedemento “para o traspaso de competencias, previo saneamento e rearme organizativo do IEO, da xestión económico-administrativa dos centros do IEO en Galicia para que pasen a formar parte da estrutura propia da Xunta”, petición que novamente foi desatendida.
Apoios ao sector transformador
A representante do Executivo galego respondeu tamén a unha pregunta sobre o apoio de Galicia ao sector transformador de produtos do mar lembrando que a comunidade puxo este ano a disposición das pequenas e medianas empresas do sector un total de 19 millóns de euros en axudas para os exercicios 2022 e 2023 que poden cubrir ata o 50% do investimento previsto nos proxectos que as pemes teñen para executar melloras nas súas instalacións.
A conselleira salientou que a Xunta concedeu desde 2016 máis de 72 millóns de euros en achegas á industria de transformación dos produtos pesqueiros e da acuicultura que permitiron desenvolver preto de 300 proxectos. Nesta liña, animou ao sector a aproveitar ao máximo as posibilidades de financiamento con fondos europeos para investimentos centrados na mellora da seguridade, a hixiene e as condicións de traballo e na obtención de novos e mellores produtos ou procesos, entre outros aspectos subvencionables, así como na eficiencia enerxética, especialmente importante nestes momentos de altos prezos da electricidade e do combustible.
