CONGALSA comezou a semana con importantes novidades: por unha banda a súa participación no Salón Seafood Global Expo 2022, cita referencial de produtos do mar que retoma a súa actividade tras dous anos de paréntese motivada pola pandemia, e pola outra a súa impecábel traxectoria nos premios Excellence Global Awards, que recoñecen, no marco do dito salón, os mellores e máis innovadores produtos do sector transformador, e nos que a empresa da Pobra do Caramiñal vén de situarse como finalista.

Volve un evento referencial no sector
Tras dous anos de parón pola pandemia, a feira de maior impacto internacional de produtos do mar regresa cunha nova localización: a Seafood Global Expo desembarcará en Barcelona do 26 ao 28 de abril. A edición número 28 será a máis grande até a data, reunindo a máis de 29.000 profesionais e 2.000 expositores de 89 países. Ocupando a caseta 3I900, CONGALSA aposta pola continuidade dunha cita na que conflúen os principais operadores do sector a nivel mundial. A compañía con sede principal no Polígono da Tomada (A Pobra do Caramiñal) presentará “un catálogo consolidado de referencias” tanto para a canle de restauración, hostalería e gastronomía (HORECA) como para o eido retallista, co que busca “dar respostas innovadoras ás necesidades de ambas as canles”. Amais, CONGALSA acode ao salón co obxectivo de potenciar a súa presenza internacional, que na actualidade ascende a 35 países.
Nowtural finalista dos Excellence Global Awards
Entre as novidades de CONGALSA para a feira destaca Nowtural, a nova gama de produtos da empresa de produtos do mar pensada para facilitar o consumo das 3-4 racións de peixe semanais recomendadas polos expertos en nutrición: unha proposta formada por tres pratos de peixe con guarnicións sas e equilibradas e tres hamburguesas aderezadas con “ingredientes orixinais e sorprendentes”, sinalan fontes da empresa, salientando que baixo este selo podemos atopar receitas cen por cen naturais e libres de aditivos, “especialmente deseñadas para cumprir cos criterios nutricionais fixados polas autoridades en referencia á inxesta diaria de sal e graxas”. CONGALSA tamén destaca que Nowtural utiliza materias primas certificadas MSC, procedentes de pesqueiras sustentábeis, e preséntase nun packaging 100% libre de plástico, que combina materiais reciclábeis e compostábeis.
Julio Simarro, director de mercadotecnia e vendas de CONGALSA, define esta gama como “unha proposta diferencial e esixente, pensada para conectar coas necesidades e preocupacións do consumidor actual”.
Os atributos citados son os que fixeron destacar á gama Nowtural entre as 81 candidatas aos premios Excellence Global Awards, valéndolle á gama de CONGALSA o nomeamento na categoría do sector retallista. Os galardóns entregaranse na xornada inaugural da feira o 26 de abril.
A oferta de Sulpasteis
Sulpasteis, a empresa portuguesa adquirida por CONGALSA en 2019 e especializada en aperitivos e pratos típicos da gastronomía lusa, compartirá caseta coas marcas de CONGALSA na Seafood de Barcelona. Como xa aconteceu na pasada edición de Conxemar, os visitantes terán a oportunidade de coñecer a ampla gama de elaborados artesanais que a firma comercializa tanto na canle tradicional e hostalaría, como no ámbito retallista. Receitas como os famosos bolos de vento de bacallau (pasteis de bacalhau), empanadillas de diferentes recheos (rissois), milfollas e pastelaría doce e elaborados de peixe e cefalópodos, completan un catálogo de máis de 100 referencias dispoñíbeis de varios formatos. A feira de Barcelona, será a cita elixida por Sulpasteis para o lanzamento da súa nova gama de produtos para forno; unha liña pensada “para conquistar os padais máis esixentes cunha preparación que implica un menor contido en graxas”, sinalan dende CONGALSA.
Participación en actos e conferencias
A compaña da Pobra é unha empresa comprometida coa sustentabilidade que participa activamente en importantes iniciativas con impacto a nivel global impulsadas polo seu socio Sustainable Fisheries Partnership (SFP). Membro da SFP-Global Squid Supply chain roundtable, xunto con outras empresas adheriuse a unha declaración publica para traballar conxuntamente co obxectivo de erradicar a pesca Ilegal Non Declarada Non Regulamentada (INDNR) das cadeas de subministro.
Para apoiar as iniciativas do grupo, CONGALSA participará na sinatura do MoU do FIP de Illex argentinus, que terá lugar o martes, 26 de abril na caseta de SFP (#5I501) ás 15.00 horas e como relatora na conferencia sobre riscos da entrada de produtos de pesca INDNR nos mercados europeos, prevista para o mércores 27 de abril na sala de 4.4 no pavillón de conferencias 4.