Ambar presenta no Son o seu Programa de Emprego para Mulleres

22 Abril 2022

A Asociación Ambar de persoas con diversidade funcional está a presentar nos nosos concellos o seu Programa de Emprego para Mulleres. Trátase dunha iniciativa destinada a mellorar a empregabilidade das participantes a través de sesións individualizadas e sesións grupais. As xornadas formativas desenvolveranse ata o 31 de xullo. A presentación en Porto do Son celebrouse no Viveiro de Empresas. Días antes, o 18 de abril, deuse a coñecer en Ribeira.

Asistiron en Porto do Son Milagros Rey, presidenta de Ambar e Ángeles Sampedro, coordinadora e técnica de emprego. Tamén participaron o alcalde do Concello de Porto do Son Luis Oujo, o orientador laboral José Pazó e o concelleiro de Emprego Manel Deán.

Segundo fixeron saber, o Programa de Emprego para Mulleres da asociación comarcal ten o obxectivo de mellorar a igualdade de oportunidades a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, “para dotalas dunha maior autonomía e independencia e coa finalidade de mellorar a súa situación persoal, social e laboral”.

O programa está dirixido ás mulleres que cumpran algunha das seguintes características: ter diversidade funcional, ter trastorno mental, estar en situación de inactividade ou desemprego de longa duración, non posuír titulación ou ter baixa cualificación, ser desempregadas menores de 30 anos, ser desempregadas maiores de 45 anos e residir en concellos rurais de zonas pouco poboadas de baixa densidade.

Ás participantes realizaráselle unha análise sociolaboral a partir dunha entrevista persoal e posteriores sesións individualizadas, nas que se definirán as necesidades de cada persoa e marcarase unha estratexia personalizada para que cada muller poida acadar os seus obxectivos. En base a isto, sinala Ambar, levaranse a cabo sesións grupais que contemplan as seguintes materias:

-Formacións en competencias transversais como a mellora das habilidades comunicativas e sociais, e a creación dunha imaxe dixital profesional.

-Formación para o emprego, actualización do currículo, información e asesoramento sobre técnicas de busca de emprego, emprendemento, consellos para afrontar as entrevistas de traballo e outros recursos.

-Prospección empresarial, xestión de ofertas laborais, candidaturas e xornadas e obradoiros con persoas convidadas.

Como inscribirse no programa

As mulleres que desexen participar poden concertar unha entrevista chamando ao Centro de Recursos de Ambar en Frións (981 87 44 80/673 879 034) ou cubrindo o formulario específico na web de Ambar. As entrevistas xa comezaron e as xornadas formativas desenvolveranse dende abril ata o 31 de xullo deste ano. As sesións realizaranse nas oficinas coas que conta a Asociación Ambar no Viveiro de Empresas de Ribeira e de Porto do Son.

Outros artigos

O 20 de xuño celébrase a II Andaina Nocturna de Nebra

Volve a Andaina Nocturna de Nebra, logo de éxito de participación do ano pasado, e faino cunha segunda edición programada para o sábado 20 de xuño a partir das 22.00 horas (recepción) na Casa Veciñal de Nebra (campo da festa) e cun prezo de oito euros de inscrición....

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...