Adxudicados de xeito provisional aos traballos para recuperar o río Pedrín e facer unha senda

O Concello de Ribeira informa da adxudicación provisional dos traballos para recuperar ambientalmente o río Pedrín e para poñelo en valor a través da creación dunha senda turístico-fluvial ao longo do mesmo.

Esta actuación enmárcase na EDUSI Máis Ribeira Atlántica, que está co-financiada polo fondo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020. Execútase na liña de actuación 14 da EDUSI, a denominada “Posta en valor do patrimonio cultural, natural e turístico”.

O Concello explica que foron rexistradas cinco empresas presentadas e a que obtivo a mellor clasificación resultou ser a empresa Zona de Obra O Rosal S.L. A execución da actuación suporá un investimento de 94.426,52 euros e o prazo son seis meses.

Dende o Consistorio indican que o arroio Pedrín é importante pola súa localización á beira do centro urbano de Ribeira, cun percorrido de gran importancia ambiental e paisaxística que comeza no Monte Castro e que descorre cara o Parque Periurbano de San Roque, no que se sitúa un antigo lavadoiro que é, actualmente, un refuxio para varias especies de anfibios. Desde ese lugar o curso de auga descende ata o centro urbano de Ribeira, por onde vai xa canalizado e soterrado.

O Concello de Ribeira, a través do proxecto Máis Ribeira Atlántica 2020, pretende recuperar a riqueza natural e cultural da conca alta do arroio a través dun proxecto que inclúe “non só a recuperación propia do curso fluvial (limpeza do leito e da ribeira), senón tamén a proxección dun percorrido a través da servidume de tránsito do arroio”.

O obxectivo principal desta actuación será a recuperación da riqueza ambiental da contorna e do propio leito do arroio Pedrín. Para iso vanse efectuar unha serie de actuacións:

• Roza de vexetación accesoria, retirada de vexetación morta (incluídas, de ser caso, as árbores caídas), e eliminación de vexetación exótica e/ou invasora, na zona de dominio público hidráulico e de servidume do arroio Pedrín.

• Detección de puntos de contaminación que poidan afectar o arroio e, de ser caso, medidas para a súa corrección.

• Restauración da vexetación de ribeira autóctona en todo o tramo do río obxecto do proxecto.

• Análise do réxime hidráulico e hidrolóxico do río Pedrín e das zonas inundábeis.

Para contribuír á posta en valor do arroio e da súa riqueza natural e cultural o proxecto inclúe os movementos de terra (desmontes e terrapléns), a súa nivelación e compactación e a colocación ao tresbolillo de tocos de madeira cada 9 m para marcar o itinerario, na súa marxe esquerda. “Será un itinerario turístico fluvial que ten en conta a disposición topográfica do terreo en cada parte do curso do río coa fin de adaptar as características da senda aos seus atributos naturais”, explican dende o Concello.

Dous ramais

O itinerario descorre ao longo do río cunha lonxitude de 685 metros. Complétase a senda cun acceso cara o núcleo de Frións (acceso sur) a través dunha parcela de titularidade municipal, localizada na paraxe de Granxa, cuxo ramal terá unha lonxitude de aproximadamente 200 metros e con outro ramal (acceso norte), duns 135 metros, que conecte coa parte baixa do Parque Periurbano de San Roque.