A Serra do Barbanza acollerá aos nosos máis destacados deportistas en “running” de montaña

O Concello da Pobra do Caramiñal, a Federación Galega de Atletismo (FGA) e a Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza organizan o Trail Serra do Barbanza, que será á súa vez a novena edición da Carreira de Montaña Concello da Pobra do Caramiñal e a sétima entrega do Campionato de Galicia Absoluto e das categorías sub-20, sub-23 e máster de Trail 2022.

Os detalles do trail foron dados a coñecer pola concelleira dos Deportes, Genoveva Hermo (Nós Pobra); o presidente e vicepresidente da FGA, Isidoro Hornillos e Iván Sanmartín, respectivamente; e o presidente da Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza, José Moure. Segundo avanzaron, deste evento extraerase a selección que represente a Galicia no Campionato de España que se celebra no mes de maio.

A cita deportiva da Serra do Barbanza desenvolverase no 17 de abril, a partir das 10.00 horas, coa saída e chegada no miradoiro da Curotiña. Estímase unha participación de arredor de 300 deportistas que deberán completar a distancia estipulada segundo a modalidade na que concorran. No caso do trail curto, o percorrido consta de 14 quilómetros aproximadamente, mentres que para o propio trail (e VII Campionato de Galicia de Trail) será de arredor de 25 quilómetros. Haberá, ademais, dous puntos de avituallamento no trail curto e catro no trail propiamente dito.

Establécense unha serie de premios e agasallos dos cales se fará entrega a partir das 13.00 horas.

A proba adscríbese á especialidade atlética do Trail-Running e estará baixo o control técnico do Comité Galego de Xuíces da Federación Galega de Atletismo.

Contarase coa colaboración da Protección Civil pobrense e aplicarase o protocolo establecido por mor da COVID-19.