A Marea Cidadá de Noia solicita un aumento nas partidas sociais dos Orzamentos 2022

A Marea Cidadá de Noia ven de presentar unha moción na que denuncia a falta de diálogo do goberno, e insta ao mesmo a negociar os orzamentos co resto de forzas políticas.
O ano 2022 ven marcado pola inflación e pola merma do poder adquisitivo de moitas familias, o cal resulta especialmente grave no caso das menos favorecidas. Por este motivo, dende a formación local non comprenden como a proposta orzamentaria non contempla aumentos nas partidas destinadas ao
gasto social, como é o caso das axudas ao transporte de estudantes, a comedores ou a material escolar.
No pasado ano, e cun orzamento similar, amosouse como a partida destinada ao comedor escolar era a todas luces insuficiente, tendo o goberno que habilitar unha ampliación de crédito para facer fronte á demanda posterior .

Dende a Marea entenden que este tipo de faltas, así como a non previsión de ningunha inversión en concialición, derívanse da falta de interese do goberno por unha banda, e da súa falta de diálogo pola outra. Nunha moción presentada esta semana, a formación local procurará unha convocatoria da Comisión de Facenda que permita aos distintos grupos con representación achegar as súas propostas, así como aumentar o gasto social nas partidas sinaladas e a aprobación dunha partida específica destinada a crear un Plan de Conciliación Municipal.